A principios deste mes de maio, a Fundación Arume, impulsada desde o sector forestal de Galicia para fomentar o desenvolvemento do piñeiro no país, encetou "unha nova etapa", fortalecendo o peso das industrias da madeira e incorporando a Universidade de Vigo ao seu padroado, que pasou de once a 16 membros.
"Énchesenos a boca co sector forestal en Galicia, pero a realidade é que está abandonado polas administracións"
Poucas semanas despois, a renovada dirección reuniuse cos tres grupos políticos do Parlamento para presentarlles as súas liñas de traballo para os vindeiros anos, demandando a todos un impulso ao Centro de Investigación Forestal de Lourizán, do que advirten do seu "abandono". Abordaron tamén a demanda de ampliar a 2030 a prohibición de plantar eucalipto, unha petición para estender a moratoria á que se uniron tamén comunidades de montes e grupos ecoloxistas tras o impulso da Fundación Arume. Falamos con Ismael Olveira, secretario da entidade, sobre os novos retos da entidade.
É a mellora do Centro de Investigación Forestal de Lourizán un dos principais obxectivos que se marca a fundación para os vindeiros anos?
É. Avogamos por potencialo, convertelo nun espazo de referencia na investigación forestal, tanto na parte que ten que ver coa mellora xenética como no que ten que ver co sanitario. Agora mesmo está nunha situación bastante crítica, abandonado...
É tan crítica a situación?
Se queremos que Galicia sexa unha potencia forestal, necesitamos potencialo. A nova estratexia forestal de Galicia debe partir de aí, desa mellora de Lourizán. Moitas veces dicimos unha cousa e facemos outra, porque se nos enche a boca con que o sector forestal ten que ser tractor en Galicia, pero a realidade é que está abandonado, deixado da man de Deus por parte da administración... Os tres grupos coincidiron na importancia deste centro de investigación.
"A nova estratexia forestal debe partir da mellora de Lourizán; somos unha potencia forestal, pero en Chile ou o Uruguai, os recursos á investigación son vinte veces máis"
Pero sacaron algo en concreto das reunións cos grupos parlamentarios?
Hai medidas postas enriba da mesa, pero temos que ir más rápido, dispor de máis medios, máis recursos, investir... E isto ten que ver co que afecta a todas as especies, non só co piñeiro, senón tamén coas frondosas ou co eucalipto. Galicia é unha potencia forestal, é obvio. Producimos máis do 50% da madeira que se produce en España, 10 millóns de metros cúbicos ao ano, pero temos que acompañar isto cos diferentes elos que ten toda a cadea, e aquí a investigación é clave. Se ollamos outras rexións ou países que poden ser espello, como as Landas en Francia, Chile ou o Uruguai, veremos que os recursos que destinan á investigación forestal multiplican por vinte os de Galicia. Iso é o que pedimos: recursos acordes ao noso nivel.
Cal é a postura da Xunta?
Estamos traballando coas consellerías do Medio Rural e a de Industria... E o certo é que esta división de competencias tampouco axuda. O centro de Lourizán depende da Axencia Galega da Industria Forestal, que á súa vez depende de Industria, pero hai outras moitas competencias que dependen de Medio Rural.
"É necesario prorrogar a moratoria cinco anos para ter tempo a establecer unha regulación para o eucalipto consensuada"
Cales son as prioridades en Lourizán?
É unha cuestión de investir, de meter recursos... Tampouco estamos falando de algo desorbitado. En Lourizán hai dúas persoas dedicadas á investigación sobre a mellora xenética e os problemas sanitarios, cando o normal sería que houbese seis, que o persoal se multiplicase por tres. Fan un traballo enorme co que teñen, pero precísase máis. Ademais, as instalacións están infrautilizadas e seguro que hai que modernizar moitas cousas desde o punto de vista técnico. Con nada que se faga, o potencial do centro sería tremendo.
Trataron cos grupos parlamentarios a demanda para ampliar a moratoria de novas plantacións de eucalipto, en vigor ata o remate deste ano?
É un tema que tamén se tratou, claro... É algo que está no foco de calquera conversa e a nosa posición xa foi transmitida por diferentes vías. O que cremos e o que estamos pedindo á Xunta é unha prórroga de cinco anos na moratoria para ter un período de tempo para establecer unha regulación para o eucalipto que sexa consensuada entre o sector e a Administración.
É urxente?
Hai que poñerse a traballar. É necesario elaborar un grupo de traballo para afrontar esa futura regulación do eucalipto porque é algo que vai levar tempo. Se dentro de dous ou tres anos o sector e a Administración acordamos algo que nos encaixe e que é do agrado da gran maioría? Pois adiante con esa nova regulación, pero mentres é necesario prorrogar a moratoria actual. Hai que establecer unha superficie máxima de eucalipto, que xa está sobrepasada. Á espera de que saian os datos deste ano, moitos nos tememos que as cifras seguirán aumentando, mesmo con moratoria, así que imaxinamos o que pode ser se non se prorroga.
"A superficie de eucalipto seguirá aumentando mesmo coa moratoria, así que imaxinemos o que acontecerá se non se prorroga"
E que pode ser?
Todos somos conscientes de que houbo plantacións que non foron de todo legais, outras que se fixeron sen cumprir coa normativa... E aínda así, sen ser o mellor e habendo incumprimentos, que sería do sector, da industria sen esta moratoria de aquí a dez anos?
Que sería, logo?
Poñámonos na situación previa, de antes da moratoria: que pasou nos últimos 20 anos en Galicia? Pois cortas masivas de frondosas e piñeiros para plantar masivamente eucalipto nitens. Iso foi o que pasou durante dúas décadas e ata 2021. A superficie de piñeiro baixou de forma alarmante e, se continuásemos así, a 15 anos vista teríamos un grave problema de dispoñibilidade, de subministro de piñeiro pero tamén de frondosas. Se non hai unha regulación e se deixa vía libre, a metade da industria que vive do piñeiro desaparece porque non hai recursos para todos. Perderiamos unha grande oportunidade para Galicia, para a industria ligada ás coníferas e todo o que iso supón na construción, na decoración, nos serradoiros...
Pero o problema non sería só para industria, non é? Non é tamén unha defensa da biodiversidade?
Obviamente. Avogamos por un monte diverso, multifuncional e onde todas as especies teñan cabida. Que quede clara unha cousa: non estamos en contra do eucalipto e Galicia necesita o eucalipto. Unha das claves do acordo e comunicado conxunto coas entidades ecoloxistas e ambientalistas é tamén ese, conseguir que estes grupos, cunha importante influencia a nivel social, acepten que Galicia ten que ter unha superficie mínima de eucalipto. É un gran logro que toda a sociedade recoñeza que no monte galego tamén ten que estar esta especie. Pero, máis aló diso, as nosas demandas baséanse nas recomendacións do propio Plan Forestal de Galicia.
"Se non hai regulación do eucalipto e se dá vía libre, a industria que vive do piñeiro desaparece; non hai recursos para todos"
Falta moita regulación?
Insistimos: queremos un monte diverso, multimuncional e con regulación, como en calquera outro ámbito da sociedade. Non pode haber vía libre, como pasou antes, o que nos levou á situación na que estamos agora mesmo. Nestes anos da moratoria, aínda que non fose a solución ideal, as vendas de plantas de piñeiro en Galicia pasaron das 500.000 ao ano aos 6-7 millóns en só tres ou catro anos. Rachamos a tendencia negativa que mantiñamos e o prezo da madeira tamén subiu. Antes da COVID pagábase a tonelada de piñeiro a 50 euros e agora rolda os 80. Vai seguir medrando e esta é unha moi boa noticia para a industria e para o propietario.
Entende a postura de moitos propietarios que apostan polo eucalipto e critican esta moratoria?
Entendemos os problemas que poden ter algúns propietarios coa moratoria, pero por iso tamén propuxemos medidas como fiscalidade mellorada para os propietarios de monte de piñeiros, máis axudas, así como seguir pelexando para conseguir máis valor para esta madeira no mercado. Queremos que os propietarios tamén poidan vivir dignamente plantando piñeiros, pero hai que mirar por todos, tamén pola industria porque pode estar en perigo.
"Unha das claves da posición conxunta da fundación e dos ecoloxistas foi conseguir que aceptasen que Galicia ten que ter unha superficie mínima de eucalipto"
A Fundación Arume advirte tamén dos problemas sanitarios nos piñeiros...
Aquí o problema principal é o dos fungos das bandas, que afectan o piñeiro radiata, e que virou nun problema alarmante nos últimos anos. Temos un convenio coa Consellería do Medio Rural para facer tratamentos fitosanitarios, pero hai que ir máis aló. Debemos traballar a curto prazo, primeiro con tratamentos e impulsando a plantación de piñeiro taeda como alternativa, pero hai que mirar a medio prazo, seguir investigando con plantas máis resistentes a esta enfermidade. É aí onde volvemos á necesidade de investir no centro de Lourizán, que é fundamental para investigar, para dar esta batalla sanitaria que agora é fundamental.
A Fundación Arume sinala tamén a industria do piñeiro como clave para colaborar en fixar poboación no rural. É tan importante?
Está claro. Un exemplo evidente da forza da industria forestal do piñeiro para loitar contra o despoboamento e a prol da vida no rural son os serradoiros. En Galicia quedan 150 e todos eles están diseminados polo rural, onde case todos os concellos teñen un. Nalgunhas zonas, estes serradoiros, os madeiristas e todos os servizos auxiliares son das poucas formas de xerar riqueza. Manter unha industria coma esta forte é clave para fixar poboación, tanto de propietarios como de traballadores e traballadoras. Debemos poñer en valor o que significa o piñeiro para toda a cadea industrial de Galicia, xa que supón dúas terceiras partes da achega do PIB de todo o sector forestal, con sete fábricas de taboleiros, estes 150 serradoiros e moitas empresas vinculadas máis.