A xunta de goberno local da Coruña aprobou este mércores a ordenanza fiscal a través da que se implantará unha taxa turística na cidade. O documento será levado a pleno proximamente, seguramente en xuño, para dar aprobación definitiva a un imposto á estadía dos e das visitantes que podería empezarse a aplicar xa no vindeiro mes de setembro.
A taxa municipal, permitida aos municipios pola lexislación autonómica, oscilará en función do tipo de aloxamento e a súa categoría, segundo explica o Concello. As tarifas van dos 2,5 euros en hoteis de 5 estrelas ou 4 estrelas superior; de 2 euros en VUT (Vivendas de Uso Turístico), hoteis de 4 estrelas, 3 superior, 3 e 2 superior; de 1,5 euros a embarcacións de cruceiro, VUT, hoteis de 2 estrelas, 1 superior e 1 estrela; e 1 euros no caso de vivendas turísticas.
No caso dos cruceiros que fagan escala na Coruña, a recarga aplicaríase a partir do ano 2026. "Se se cambiase a normativa autonómica estudaríase a non aplicación desta recarga aos cruceiros, que, en todo caso, non se aplicará neste ano 2025", matizou a alcaldesa, Inés Rey.
A Coruña levará a pleno a taxa turística aprobada pola Xunta: de 1 a 2,5 euros por persoa adulta e día cun máximo de cinco xornadas
En definitiva, e cun límite máximo de cinco días (a partir do sexto non se cobrará), as cotas oscilarán entre 1 euro e 2,5 por xornada dependendo do tipo de aloxamento. Será aplicable só ás persoas adultas, polo que non se aplicará a "persoas menores non emancipadas".
Ademais, tamén quedarán exentas as estadías por motivos de saúde, as e os deportistas federados por competición oficial, as persoas cunha discapacidade superior ao 65%, as que gocen de estadías por programas sociais públicos da UE, ás que leven a cabo estadías en albergues públicos ao abeiro do Plan Xacobeo e tamén as persoas que efectúen estadías en establecementos hostaleiros a causa de reformas na vivenda propia na cidade.
O deseño da taxa a aplicar na Coruña confirma o bosquexo que deste novo gravame fixera o PP emendando a proposta da Xunta na lei de acompañamento dos Orzamentos.
Un mes despois do rexistro daquela lei, o Grupo Parlamentario Popular agregoulle 128 páxinas de emendas en cuestións diversas. Unha vintena delas bosquexaban esta taxa turística que a Xunta estaba por fin disposta a permitir tras reiteradas reclamacións do Concello de Santiago. Facíao despois de que, na súa versión inicial, a lei de acompañamento introducise pouco máis ca unha declaración de intencións política ao respecto, remitíndose a unha futura norma para concretar.
Segundo o que alí se avanzaba, a taxa nacía como imposto de ámbito galego que a Xunta bonifica ao 100%, deixando nas mans dos concellos interesados o establecemento dunha "recarga" que sería a taxa efectivamente cobrada cuns importes que non pasarán dos 2,5 euros diarios por estancia cun máximo de cinco xornadas. Velaí o que vén de establecer A Coruña á espera da súa aprobación.
"Falamos dunha cuestión de equilibrio. O turismo é unha fonte de ingresos para a cidade e, á vez, para facer fronte á demanda existente é fundamental reforzar os nosos servizos públicos. Non falamos de gravar o turismo, senón de ser responsables ante unha realidade. É posible desfrutar da cidade e, á vez, ser conscientes de que contar con servizos públicos é posible porque os pagamos entre todas e todos", asegurou Inés Rey.
O Concello lembra que o pasado ano A Coruña estivo ás portas de sobrepasar o millón de turistas no conxunto do 2024. En 2022, por poñer un exemplo, foron 750.000. Inés Rey apuntou que "isto amosa unha tendencia á alza á que, ademais, se suma un impacto territorial moi específico en algúns barrios da cidade".