Hai agora un ano, o 7 de maio de 2024, a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (DXGAIA), dependente da Consellería do Medio Rural, emitiu a petición da Consellería de Economía un informe sectorial único en relación á fábrica de celulosa que Altri prevé en Palas de Rei. Nel, advertíase do impacto que o denominado proxecto Gama tería na actividade agrogandeira neste concello e nos máis próximos dunha planta que, como se explica no propio documento, situaríase "no centro da principal área agropecuaria de Galicia, no que destaca a gandaría".
Un informe da Dirección Xeral de Gandaría e Agricultura alertou das afectacións na actividade agrogandeira, da falta dun estudo a fondo destas ou dos prexuízos da excesiva demanda de eucalipto
Aínda que cualificado o "impacto" como "moderado", a DXGAIA enumera toda unha serie de afectacións que a planta de Altri tería: na atmosfera, no río Ulla, así como a través dos seus residuos, polo espazo ocupado e pola alta demanda de eucalipto que supón. Tamén advertía da contaminación dos óxidos de nitróxeno e xofre e dos efluentes e doutros riscos derivados.
Sete meses despois, en decembro, Greenfiber —sociedade impulsora da planta, coa galega Greenalia como socia de Altri— responde ao informe sectorial cun documento de 14 páxinas no que emenda cada unha das eivas sinaladas polo departamento da Consellería do Medio Rural. En xaneiro, a Dirección Xeral, noutro documento dunha única páxina, emite "novo informe que substitúe ao emitido o 7 de maio de 2024" e "á vista da nova documentación achegada polo promotor".

Todo este intercambio de documentación —á que tivo acceso Praza.gal— revela os argumentos dunha e doutra parte e as conclusións finais para dar o visto e prace ao proxecto no que tiña que ver coa afectación ao sector primario.
"Entendemos que os comentarios realizados por esta subdirección referente á súa incidencia sobre a actividade agraria quedarían contestados neses mesmos informes sectoriais e por tanto non temos máis que indicar nestes aspectos", di o documento inicial sobre o impacto de Altri en referencia á "calidade das augas, efluentes, emisións de distintos tipos de gases, cheiros, etc". Tamén di o subdirector xeral de explotación agrarias, Nicasio Mejuto —que é quen asina o texto— que as explicacións dadas pola empresa respecto á posible demanda de eucalipto baseándose no informe da Axencia Galega de Industria Forestal "son suficientes", ao igual que a "aclaración realizada en canto á entrega" dos lodos da súa depuradora.
Medio Rural emitiu un informe que advirte do impacto de Altri na actividade agrogandeira que logo substituíu por outro no que non ve "incidencia apreciable" tras aceptar as emendas da empresa
"Ao ser declarado proxecto industrial estratéxico polo Consello da Xunta non é necesaria maior xustificación sobre o cambio de uso das parcelas sobre as que se asenta esta instalación industrial, xa que non está suxeito a títulos habilitantes urbanísticos de competencia municipal", engade Medio Rural, que aclara que "tendo en conta os informes emitidos", considérase "probado que non hai unha incidencia apreciable ou que non condiciona a actividade agrogandeira da zona".
Non era igual o que a mesma dirección xeral e o mesmo subdirector xeral asinaban meses antes. No informe sectorial, de once páxinas, valoraba "os efectos sobre a agricultura e gandaría de Galicia" do que definía como "unha industria de fabricación de celulosa na que unha parte da produción se transforma en fibra téxtil" e cun tamaño que quedaba "reflectido nos volumes de auga, madeira e produción previstos", que lembraba: 400.000 toneladas de celulosa ao ano, 200.000 de fibras téxtiles, 46.000 metros cúbicos de auga ao día e 30.000 de fluentes e entre 1,2 e 2,4 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto.
O informe de Medio Rural advertía de que o proxecto Gama "afecta unha zona cunha importante actividade agrogandeira", polo que "se bota de menos na documentación en exposición pública un estudo a fondo das súas repercusións no sector primario dende un punto de vista social e económico, coas súas correspondentes medidas correctoras". Por isto, aclaraban, "non está suficientemente xustificada a prevalencia da utilidade pública do proxecto sobre a actividade primaria predominante na zona de localización da planta".
Medio Rural botaba "de menos" un estudo "a fondo" das repercusións de Altri no sector primario e non cría xustificado que prevaleza a utilidade pública da planta sobre esta actividade
O informe estende esa zona de afectación aos concellos de Monterroso, Antas de Ulla, Agolada, Santiso, Melide e Toques, ademais de Palas de Rei, e lembra que en todos eles xúntanse case 1.600 explotacións de vacún e porcino e preto de 26.500 hectáreas de superficie agraria útil. Apunta, igualmente, a que estas explotacións perciben "case 10 millóns de euros anuais en axudas de solicitude única da PAC", ademais doutras que suman 1,85 millóns.
En canto ao posible impacto da factoría de Altri, advirte primeiro do "cambio de uso de 361,7 hectáreas nas que agora predominan as actividades do sector primario" e lembra que "demandará unha gran cantidade de madeira de eucalipto" e que o seu consumo "equivale case a un 30% das cortas anuais en Galicia, por riba de ENCE en Pontevedra". "Esta demanda favorecerá economicamente o sector forestal pero pode inducir á forestación de superficies agrarias en detrimento das explotacións agrícolas e gandeiras", avisa.
O informe previo alertaba da excesiva demanda de eucalipto e a posible "forestación de superficies agrarias", da chuvia ácida ou do cheirume da planta
Ademais, advirte que os derivados dos óxidos de nitróxeno e xofre que liberará a planta "producen choiva ácida" e "resulta prexudiciais para a produción vexetal", sendo o volume anual destes compostos "superior ao da planta de ENCE en Pontevedra". Tamén repara nos derivados do xofre reducido total, "responsables dos cheiros característicos das plantas de fabricación de celulosa", o que terá "un efecto negativo sobre a imaxe dos alimentos producidos na contorna", aínda que se descoñece "a área de afectación prevista" dese cheirume.
Por outra banda, este primeiro informe sectorial descarta que a contaminación acústica poida afectar significativamente a produción gandeira, ao igual que os efluentes vertidos ao Ulla, pero si aclara que estes "ponde incrementar o contido de nitratos nos puntos de control da calidade das augas", o que deriva "nunha maior probabilidade de declaración de zona vulnerable á contaminación por nitratos de orixe agraria".
Respecto dos lodos da depuradora da planta, o departamento de Medio Rural aclara que a súa valorización está "regulada" por un decreto da Xunta que "non permite aplicar directamente nos solos agrarios os lodos de depuración do proxecto Gama".

Altri argumenta que o proxecto cumpre cos requisitos da Xunta para ser declarado de utilidade pública ou estratéxico e favorecerse das vantaxes derivadas
Ante as eivas sinaladas pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Greenfiber responde a cada unha delas no seu propio informe. Así, e respecto á crítica sobre a insuficiente xustificación da utilidade pública do proxecto pola falta dun estudo detallado das afectacións, aclara que si levou a cabo un estudo "pormenorizado" co "conseguinte establecemento de medidas preventivas, correctoras e/ou compensatorias". Tamén di que, ante as dúbidas, cumpre cos requisitos impostos pola Xunta para que esta utilidade pública sexa concedida.
En canto ao cambio de uso de máis de 360 hectáreas, alega tamén sinalando a normativa que a Xunta ten desde hai anos respecto da súa política industrial e aclara que o proxecto foi declarado "estratéxico" polo Goberno galego e que cumpre coas condicións que a Administracións reclama para ser favorecido por esa condición.
Altri asegura que se nutrirá da madeira que xa se produce en Galicia, o que reducirá custos, impacto medioambiental e risco de incendios
Respecto da posible intensificación das plantacións de eucalipto en Galicia, fai referencia aos datos de exportación desta madeira da Axencia Galega da Industria Forestal, advertindo de que son 2 millóns de toneladas e as súas manufacturas, sen contar 400.000 máis de pasta de madeira. "A planta nutrirase de eucalipto xa existente/excedente que actualmente se comercializa fóra de Galicia por falta de mercado interior, non sendo polo tanto necesario incrementar a superficie das plantacións", di, tras gabarse do "beneficio" para o sector madeireiro ao poder vender ese produto "en proximidade", reducindo custos e impacto medioambiental e sen que se vexa "incrementado o risco de incendio na rexión".
Ademais, a empresa di que prevé "pautas de compra responsable" adquirindo madeira en explotacións certificadas, o que axuda a manter os terreos en condicións óptimas, o que "minimiza os riscos e as súas consecuencias". "En definitiva, o eucalipto que se utilizará na planta xa se produce actualmente en Galicia", insiste aludindo ao informe da axencia forestal.

No que respecta aos posibles problemas polos derivados dos óxidos de nitróxeno e xofre, o seu volume e a chuvia ácida que poderían provocar, Altri expón varias medidas do proxecto para "minimizar os impactos sobre a atmosfera" e datos respecto da dispersión que, segundo di, "conclúen que en caso ningún se superarán os valores límite/obxectivo establecidos" na normativa respecto á mellor ada calidade do aire.
Así, asegura que o impacto da planta "non é significativo sobre a calidade do aire" e que as súas emisións "non implicarán a xeración de choiva ácida". Tamén aclara que as comparacións feitas con outras factorías, por exemplo coa de Ence, "non resulta pertinente" por ser os valores das plantas xa en funcionamento "reais de operación" e, "por definición, menores cós de deseño".
Residuos e cheirume
Polo que ten que ver cos posibles cheirumes dos que advertía Medio Rural, Altri defende o uso das "máis avanzadas tecnoloxías" que permitirán que os "gases olorosos sexan captados para ser reutilizados no proceso de produción de enerxía". "Pode dicirse que será unha planta con ausencia de malos olores", explican, tras advertir que só o nivel máis baixo de concentración de olores "alcanza parcialmente os núcleos de Labagueira, A Areosa, Remonde, Vilariño, Sante e Érmora".
No caso da posibilidade de que os efluentes incremente o contido de nitratos nos puntos de control do Ulla, Altri asegura que se consideran os parámetros químicos para que "non se sobrepase o límite relativo ao cambio de estado de bo/moderado" que presenta o río.
Por último, en canto aos residuos xerados pola fábrica, a empresa aclara que "serán entregados a un xestor autorizado para o seu correcto tratamento" e que, no caso de que se opte por valorizar os lodos, "garantirá que iso se realice conforme aos requisitos legais aplicables nese momento".