A convulsa situación internacional, dende o impacto económico mundial polas medidas de Donald Trump nos Estados Unidos e a consecuente guerra comercial ata o conflito bélico en Ucraína e xenocidio en Gaza, marca tamén as reivindicacións dos principais sindicatos neste Primeiro de Maio de 2025. As centrais con maior representación en Galicia coinciden en combinar a análise global coa reclamación de dereitos laborais no noso país.
A CIG esixe "traballo, dereitos e soberanía" nunha "Galiza contra as guerras"
A Confederación Intersindical Galega coida que este Día Internacional da Clase Obreira chega nun momento de "profunda crise global" no que "o gasto militar e a guerra se converten en ferramentas do imperialismo liderado polos Estados Unidos para soster un sistema baseado na explotación". Para a CIG, a UE "amosa a súa submisión" aos EUA "consolidando un proxecto reaccionario que prioriza os gastos militares sobre os dereitos sociais".

A central sindical nacionalista augura recortes orzamentarios en "servizos básicos" no Estado por estas razóns, que observa combinados no caso galego por políticas "fatais" do PP. "Mentres avanza a desertización industrial e social en comarcas enteiras, abandonadas polas administracións, o Partido Popular mantén a súa carreira desenfreada pola depredación dos nosos recursos naturais e minerais", censuran.
Neste contexto, a CIG reclama no Primeiro de Maio "unhas novas relacións internacionais sen subordinacións, sen explotación nin dependencias, fundamentadas no dereito de autodeterminación, no respecto á soberanía económica e política dos pobos e nacións para a construción dun mundo necesitado de xustiza, solidariedade, cooperación, igualdade e paz". Farano baixo o lema Traballo, dereitos, soberanía. Galiza contra as guerras en máis dunha quincena de mobilizacións.
CCOO e UGT reclaman "protexer o conquistado" e "gañar futuro"
Tamén CCOO e UGT, dende outra perspectiva, abordan o Primeiro de Maio dende unha análise global, a comezar pola "solidariedade cos pobos que sofren represión, ocupación e guerra". "Nin o silencio nin a neutralidade son opcións" ante a "persistencia do conflito bélico en Ucraína tras a invasión de Rusia" ou "a ocupación de Palestina" e a "limpeza étnica da súa poboación".

Con este pano de fondo, mais tamén coa guerra arancelaria de Trump, o manifesto conxunto de ambos sindicatos aposta por unha "resposta firme e coordinada da UE" con "maior integración política que priorice a xustiza social, reduza as desigualdades sociais e acabe coa pobreza". A Unión, defenden, debe aplicar "políticas expansivas que creen emprego de calidade a través do reforzo industrial, da transición enerxética e a innovación dixital, coa participación do sindicalismo de clase como garante da democracia, a cohesión social e a igualdade".
Este é o contexto no que Comisión e UGT chaman "á mobilización na defensa dos dereitos sociais e laborais". Co lema Protexer o conquistado, gañar o futuro, resumen a reivindicación nunha táboa de quince puntos encabezada pola redución da xornada laboral "para gañar tempo de vida"; nela tamén inclúen peticións de melloras salariais, protección da saúde laboral, reforzo das pensións públicas, máis políticas de vivenda pública ou "unha Europa social conta a barbarie externa e interna.
A CUT, "contra a guerra imperialista"
A CUT, pola súa banda, tamén aborda o Primeiro de Maio en clave internacional. "Traballo digno" e "contra a guerra imperialista" central a reivindicación da Central Unitaria de Traballadores, que observa unha "escalada bélica proposta pola OTAN dos EUA e a UE" a cal "obedece ás ansias do capital de seguir acumulando riquezas" e "nada ten que ver con supostos valores democráticos ou a conquista de dereitos e liberdades".
Ao berraren "non á guerra imperialista", afirman, "estamos a defender non só a paz, tamén o traballo digno, os servizos públicos dignos, o dereito á vivenda, a liberdade, a xustiza e a democracia". A táboa reivindicativa da CUT para o Primeiro de Maio inclúe, asemade, cuestións como a oposición ao proxecto de Altri en Palas ou á "depredación do noso patrimonio cultural e lingüístico".