Os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), a poucos días do Primeiro de Maio, teimaron nunha realidade tan evidente como ás veces ignorada. Máis dun terzo (o 36,2%) do emprego creado no último ano en Galicia veu da man dos traballadores e traballadoras estranxeiras, con 8.100 novos ocupados dun total de 22.400. Os últimos datos de afiliacións á Seguridade Social, do pasado mes de marzo, corroboran a cifra e mesmo aumentan o peso da inmigración ao 37% na creación de postos de traballo.
Case o 40% do emprego creado en Galicia no último ano vén da man de traballadores e traballadoras estranxeiras
Fronte a moitos estereotipos e olladas curtas, a importancia da migración no crecemento económico do país é cada vez maior. Abonda un paseo polos barrios máis humildes das principais cidades galegas para se decatar da súa relevancia, mais tamén da preponderancia que as persoas vidas de fóra de España —e maioritariamente de fóra da UE— teñen en certos sectores e nos empregos menos remunerados.
"Na hostalería, coidando dos nosos maiores, na limpeza, na construción... Estes son os traballos que fan; e que fariamos sen eles!", expresaba unha veciña do barrio coruñés da Sagrada Familia, nunha reportaxe sobre a área urbana máis mestiza de Galicia, con case o 40% da súa poboación nada no estranxeiro. "Son os galegos que iamos a Suíza e Inglaterra nos 60, choiando no mesmo que nós alá", engaden agora. Parte da clase obreira e traballadora á que se reivindica hoxe neste Día Internacional dos Traballadores, colectivo que adoita sufrir a precariedade e perda de dereitos contra a que se anima a loitar nesta xornada.
As case 80.000 persoas traballadoras estranxeiras en Galicia representan o 7% do mercado laboral galego; hai unha década eran o 3,8%
A radiografía é clara. Tamén segundo os últimos datos da EPA, do primeiro trimestre do ano e publicados esta semana, en Galicia hai arredor de 79.000 traballadores e traballadoras estranxeiros, que supoñen máis do dobre dos que había no mesmo período pero de hai dez anos. Ademais, o seu peso no mercado laboral é cada vez maior, situándose en case o 7% sobre o total (6,9%) fronte ao 3,8% de hai unha década, tres puntos máis.
Os datos de afiliación non distan moito dos da EPA, cun 6,4% de estranxeiros sobre o total do mercado laboral, unha proporción que dobra á de marzo de 2015, ao pasarse dos menos de 30.000 traballadores vidos de fóra do Estado hai dez anos aos 70.000 nesta altura.
Non é aínda o peso que ten noutras comunidades autónomas —en sete delas a poboación estranxeira é máis do 15% do total de persoas afiliadas á Seguridade Social—, pero si cada vez máis importante. Todo co matiz de que moitas das persoas chegadas de fóra a Galicia para traballar non aparecen nas estatísticas como inmigrantes ao posuíren a nacionalidade española por seren moitas delas descendentes de emigrantes que fixeron o camiño inverso tempo atrás.
Porque América Latina segue a ser a orixe principal das persoas traballadoras estranxeiras en Galicia, pero aínda con maior presenza que hai anos. Segundo os datos da EPA. case o 60% do total deste colectivo provén maioritariamente dese conxunto de países do continente americano, unhas 46.000 persoas, máis do triplo que hai unha década.
Venezuela é, logo do auxe da súa emigración nos últimos anos, o país de procedencia máis importante entre os e as traballadoras estranxeiras en Galicia, con máis de 10.500 persoas. Supón un aumento do 1.266% se o comparamos cos menos de 800 venezolanos que traballaban no país nesta altura en 2015. O segundo colectivo máis importante é o dos procedentes de Portugal, con case 10.000 representantes, e que conta con forte presenza desde hai tempo.
Os traballadores de Venezuela son o colectivo migrante máis grande, ao medrar o seu número en máis do 1.200% en dez anos; Portugal, Colombia, Perú ou Brasil, outras colectividades importantes
Pero son outros tres países de Latinoamérica os que contan con maior representación entre o persoal laboral en Galicia. Colombia ten máis de 7.000 dos seus nacionais traballando no país, multiplicando por seis o número de procedentes de hai dez anos, nun incremento de inmigración semellante ao experimentado polos nacidos no Perú, un colectivo que supera os 4.000 traballadores en Galicia, catro veces máis que unha década atrás. Do Brasil, pola súa banda, hai máis de 3.600 persoas traballando nalgunha das catro provincias galegas, o dobre con respecto a 2015.
Ademais, dous países de África contan tamén cun importante colectivo de traballadores en Galicia, que medrou especialmente no caso de Senegal, con máis de 2.000 nesta altura. No caso de Marrocos, son máis de 3.500 as persoas con contrato en Galicia procedentes desa zona do Magreb, máis do dobre que hai dez anos.
Todos, veñan de onde veñan, traballan nun mercado laboral galego onde o sector servizos e, con moita diferenza, o maioritario. Tamén no caso do persoal estranxeiro. Segundo os datos da EPA, máis de dous terzos dos traballadores chegados de fóra (o 66,2%) están ocupados neste sector, fronte ao 13% na industria e arredor do 7% tanto na construción como no primario.
Máis de dous terzos dos traballadores estranxeiros están ocupados no sector servizos; o 22% traballa na hostalaría
A hostalaría é, ademais, a área con maior presenza entre o persoal chegado de fóra. O 22% das persoas estranxeiras afiliadas ao réxime xeral, segundo datos da Seguridade Social e excluíndo o especial do fogar e agrario, traballan nesta actividade: son máis de 11.000.
O groso do mercado laboral estranxeiro, ademais de no sector hostaleiro, sitúase na construción, no comercio e na industria manufactureira, con cadanseus 6.000 e pico traballadores e un peso do 12% do total para cada unha destas actividades. O ámbito do transporte e o almacenamento é tamén relevante, con máis de 4.300 traballadores, así como outras actividades administrativas e de servizos sanitarios, sociais e de limpeza.
Á marxe, claro está, a cantidade de traballos irregulares e sen contrato aos que se ven empurrados moitos traballadores estranxeiros, especialmente relevante no sector dos coidados e principalmente dos maiores, onde as mulleres procedentes de Latinoamérica teñen unha importante presenza nas cidades. Ademais, é tamén destacable o crecente auxe do emprego autónomo entre as persoas vidas de fóra, que supera xa as 10.000 persoas, dúas veces máis que dez anos antes.
O caso é que os datos indican que é a inmigración —tamén en Galicia— a que palía a perda de poboación en idade de traballar. No caso do país, falamos de 245.000 persoas menos neste século, compensadas en parte polo incremento en máis de 160.000 persoas de entre as nacidas fóra de España, tal e como destacamos nesta reportaxe.
A inmigración achegou a Galicia unhas 65.000 persoas activas nos últimos vinte anos, nos que a poboación activa galega caeu en case 70.000. Ademais, a poboación con nacionalidade estranxeira presenta taxas de actividade e de emprego moi superiores ás da poboación con nacionalidade española. Por exemplo, na actualidade dous terzos dos estranxeiros residentes en Galicia ou ben teñen traballo ou están a buscalo activamente, mentres que para a poboación con nacionalidade española a porcentaxe cae ata o 52,2%.
A inmigración palía a perda de poboación en idade de traballar en Galicia, que caeu en 245.000 persoas no que vai de século
A explicación máis lóxica é que ten que ver coa menor idade media desa poboación estranxeira, polo que só nunha pequena parte se atopa inactiva por mor de seren pensionistas. En canto á taxa de emprego, ascende ao 54,7% entre a poboación estranxeira en Galicia, mentres que queda no 48,1% entre a que ten nacionalidade española, segundo datos a finais de 2024.
Porque Galicia está a mudar a súa pel, a nivel laboral e, por suposto, a nivel social. Case o 6% da poboación galega ten nacionalidade estranxeira pero unha porcentaxe máis importante —o 11,3%— naceu fóra do Estado español. A cifra é cativa se a comparamos coa que se rexistra no resto do España, pero está a medrar con rapidez: un 22% máis en tres anos. Ademais, o peso desta poboación nacida no estranxeiro é moito máis importante nalgunhas zonas e, sobre todo, en determinados grupos de idade. Así, por exemplo, as porcentaxes medran ata o 18,9% entre os 25 e 44 anos.
Unha poboación, a nacida no estranxeiro, nova, crecente e esparexida por todo o país. Con cada vez máis peso no mercado laboral galego, sendo parte —e ben relevante nalgunha actividade e sector determinado— do colectivo de traballadores e traballadoras que hoxe reivindica o seu día e os seus dereitos. Un colectivo moitas veces menos visible e tamén reivindicado.