Lugo, capital mundial do motocross nun Gran Premio no que o vigués Rubén Fernández foi terceiro

O vigués Rubén Fernández foi terceiro no circuito Jorge Prado © Martín Muñoz

Romain Febvre (MXGP) e Kay de Wolf (MX2) foron os gañadores globais na categoría masculina e Kiara Fontanesi na categoría feminina. O vigués Rubén Fernández fíxose coa terceira praza en MXGP e a catalá Daniela Guillén foi tamén terceira

O Mundial de Motocross regresou a Lugo, ao circuíto municipal Jorge Prado, que xa o ano pasado acollera o Gran Premio de Galicia, nesta ocasión renomeado como Gran Premio de España. Foi unha fin de semana que reuniu o mellor motocross do mundo e unha ampla asistencia de público -18.300 persoas- a pesar da chuvia intermitente. A chuvia e, sobre todo, a lama, foron protagonistas e marcaron unhas carreiras que viraron épicas e gañaron aínda máis en emoción.

Romain Febvre (MXGP) e Kay de Wolf (MX2) foron os gañadores globais na categoría masculina e Kiara Fontanesi na categoría feminina. O vigués Rubén Fernández fíxose coa terceira praza en MXGP e a catalá Daniela Guillén foi tamén terceira. Fernández é quinto nun mundial que vai polo seu oitavo gran premio dun total de vinte. Guillén é cuarta despois de dous grandes premios dun total de seis.

"Estou contento co resultado. Gustaríame ter feito máis, sobre todo tendo en conta que corro na casa, pero despois da caída de onte, estivo ben poder darlle a volta á situación na segunda manga e alcanzar o podio diante de toda a miña xente", explicou o piloto vigués ao rematar a proba

Rubén Fernández comezou mal a fin de semana, cunha caída que o levou á 15ª posición na manga de clasificación. Porén, o domingo realizou unhas carreiras moi sólidas, finalizando as dúas mangas en terceira e cuarta posición, resultados que o levaron a ocupar unha terceira praza na clasificación final do Gran Premio.

"Estou contento co resultado. Gustaríame ter feito máis, sobre todo tendo en conta que corro na casa, pero despois da caída de onte, estivo ben poder darlle a volta á situación na segunda manga e alcanzar o podio diante de toda a miña xente", explicou o piloto vigués ao rematar a proba.

MXGP ofreceu unha manga inaugural vibrante. O francés Romain Febvre fíxose co triunfo tras unha loita intensa co seu compatriota Maxime Renaux, que marcou a volta rápida. 

Na segunda manga, Febvre saíu na cabeza, pero unha caída na primeira volta deixou momentaneamente o liderado en mans do mozo Lucas Coenen. Febvre completou unha remontada espectacular até a segunda posición, aínda que non puido alcanzar a Coenen, que levou o triunfo de manga e a segunda praza do Gran Premio, que globalmente foi para Febvre.

A catalá Daniela Guillén foi terceira no circuíto lucense © Martín Muñoz

A competición, á que asistiron 18.300 espectadores e espectadoras, deixou un retorno económico duns catro millóns de euros

O momento máis vibrante do día protagonizouno Daniela Guillén, que asinou unha remontada épica na segunda manga do Mundial de Mulleres. A catalá saíu en décima posición, e a pesar das condicións do circuíto logrou escalar até a segunda praza. Unha caída cando rodaba a ritmo de cabeza impediulle pelexar polo triunfo fronte a unha maxistral Kiara Fontanesi. 

Daniela soubo resistir o barro para entrar en terceira posición, o que lle valeu terminar segunda no global do Gran Premio e recortar puntos á vixente campioa e líder do campionato, Lotte Van Drunen, que non tivo o seu mellor fin de semana. O motocross feminino vive un momento extraordinario e este domingo en Lugo foi a mellor mostra.

O evento, que converteu un ano máis a Lugo na capital mundial do motocross durante unha fin de semana, estivo organizado pola empresa lucense Last Lap e contou co apoio do Concello, da Deputación e da Xunta

O evento, que converteu un ano máis a Lugo na capital mundial do motocross durante unha fin de semana, estivo organizado pola empresa lucense Last Lap e contou co apoio do Concello, da Deputación e da Xunta de Galicia. Calcúlase que a competición deixou un retorno económico duns catro millóns de euros.

O lucense Jorge Prado, nacido en 2001 e que dá nome ao circuíto foi campión do mundo nos anos 2023 e 2024, con pouco máis de vinte anos. De feito, o pasado ano gañou na casa unha carreira na que contou co apoio enfervorecido da súa afección. Este ano optou por correr no prestixioso campionato dos Estados Unidos, o AMA Supercross. Porén, unha caída en xaneiro nos adestramentos da terceira cita deste campionato, que lle provocou unha luxación de ombro, manteno de momento apartado da competición.

A carreira estivo marcada o domingo pola lama © Martín Muñoz
A chuvia non impediu unha ampla presenza de público no circuíto municipal Jorge Prado © Juan Pablo Acevedo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.
OSZAR »