As críticas forzan a Xunta a recuar con E-Dixgal: promete mellores contidos e máis libros de texto

Alumnos nun centro de ensino cos seus ordenadores do programa E-Dixgal CC-BY-SA Xunta

Familias e docentes amosaron nos últimos anos un rexeitamento crecente ao programa de educación dixital, que neste curso sufriu un récord de centros que se deron de baixa

Nos últimos anos o programa de educación dixital E-Dixgal vén recibindo un gran número de críticas por parte das familias, do profesorado e de voces expertas de todo tipo, que alertan contra o prexuízo dunha excesiva énfase nos contidos dixitais e nos dispositivos electrónicos que deixe de lado os libros e a escrita e lectura tradicionais. 

A oposición máis importante chegou por parte das nais e pais e unha ampla enquisa realizada pola Confederación de Anpas Galegas amosou que 7 de cada 10 familias se amosaban "en total desacordo" ou "en desacordo" coa continuidade do programa. Tamén os expertos do Ministerio de Xuventude recomendaron nun informe "priorizar" o ensino analóxico en Primaria, onde se usa E-Dixgal.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, en rolda de prensa © Mónica Arcay / Xunta

Os colexios integrados no programa E-Dixgal poderán incorporar por primeira vez ata tres libros de texto na etapa de Primaria nas materias que elixan libremente

O mal funcionamento do programa e o rexeitamento que provocaba en moitos ámbito fixo, ademais, que neste curso -por primeira vez- fosen máis os centros que se deron de baixa do programa que os que se incorporaron a el. Un récord de baixas que se esperaba que continuase nos vindeiros cursos.

Este xoves a Consellaría de Educación anunciou importantes cambios no programa a partir do vindeiro curso, cambios que buscan frear este abandono de centros e reducir as críticas de familias e docentes. A Xunta di apostar agora por un ensino "híbrido" e promete unha maior presenza dos libros de texto tradicionais coa posibilidade de que as familias accedan a axudas de libros de texto. Así mesmo, anúnciase unha mellora nos contidos, ontro dos aspectos máis criticados.

Así mesmo, anúnciase unha mellora nos contidos, ontro dos aspectos máis criticados

Dende este vindeiro mes de setembro, os colexios integrados no programa E-Dixgal poderán incorporar por primeira vez ata tres libros de texto na etapa de Primaria nas materias que elixan libremente, combinando así ordenadores e manuais en papel. Será unha decisión voluntaria por parte de cada centro. Para facilitar a súa adquisición, a Consellería dotaraos dun fondo que se prestarán de xeito gratuíto seguindo os mesmos criterios de renda que xa operan actualmente para outras axudas da Consellería. 

En Secundaria, onde xa se combinaban libros de texto e recursos dixitais, tamén haberá estas liñas de apoio, atendendo así unha reivindicación das familias. A Xunta di querer ser “sensible ao sentir da comunidade educativa” e, igualmente, "adaptar o proxecto ás novas realidades e á evolución social e pedagóxica".

Un ordenador do programa E-Dixgal © Xunta

Vaise mellorar a formación do profesorado e haberá tamén avance na seguridade para evitar que o alumnado faga uso dos ordenadores cedidos pola Xunta para acceder a contidos prexudiciais

Outro dos eidos onde se fai fincapé é o da formación no ámbito do profesorado, que vai contar cun itinerario formativo específico vencellado ao desenvolvemento do modelo mixto. Así mesmo, ofertaranse tamén cursos para as familias, con quen se tentarán mellorar as canles de comunicación.

Haberá tamén melloras na seguridade, para evitar que o alumnado faga uso dos ordenadores cedidos pola Xunta para acceder a contidos prexudiciais. E, ademais, prométense accións para a prevención do acceso prematuro ou excesivo e para garantir o uso saudable, seguro e equilibrado da tecnoloxía nas aulas.

Finalmente, estableceranse melloras na xestión do programa co reforzo da figura da persoa coordinadora E-Dixgal, á que se lle recoñecerá esta función coa redución horaria correspondente en prol da calidade do proxecto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.
OSZAR »