A Plataforma Galega Vivenda Xa!, presentada hai unhas semanas, concentrouse este venres ante a sede da Xunta en San Caetano para esixir do Goberno galego "medidas urxentes" para frear a crise de vivenda e garantir o acceso a ela de toda a cidadanía.
Entre as medidas propostas destacan a creación dun Banco Galego de Vivenda para alugueiro social, a solicitude á SAREB da cesión das vivendas que ten dispoñibles en territorio galego para a súa inmediata posta a disposición en alugueiro social e a creación de hipotecas públicas con xuros taxados. Así como, a posta en marcha de liñas de axuda para a rehabilitación de vivendas con finalidade social e a declaración de zonas tensionadas.
Na concentración Iria Nande, portavoz da plataforma, denuncou que “a día de hoxe a vivenda é un luxo para moitas, a posibilidade de comprar afástase cada vez máis e os alugueiros afógannos comendo cada vez máis porcentaxe do noso salario”. “Os prezos do alugueiro suben de maneira desproporcionada, cada vez máis rápido, isto resulta insostíbel se temos en conta que os salarios non o fan ao mesmo ritmo”, engadiu.
A plataforma denuncia que a situación actual no acceso á vivenda en Galicia é "preocupante" e subliña o encarecemento dos prezos de compra e alugueiro, a escaseza de vivenda pública, a existencia de vivendas baleiras sen uso e o deterioro do parque habitacional como algúns dos factores "que dificultan o acceso a un fogar digno, especialmente para a poboación máis vulnerable".
“Sabemos que a orixe do problema é estrutural, pero se houbera vontade política poderiamos mudar moito. A inacción do goberno da Xunta do PP estanos levando a unha situación límite que máis cedo que tarde rematará por estalar, non é sostíbel” sinala María Curra, tamén portavoz da plataforma.
A entidade reclama unha actuación "decidida e valente" por parte da Administración galega. “Hai alternativas e estamos a esixirlle ao goberno galego que se deixe de propaganda e anuncios ao aire e que actúe” sinala Iria Nande. “Pensamos que é hora de reaxir socialmente e actuar para garantir o dereito a vivendas dignas e economicamente accesíbeis para todos os cidadáns, independentemente da súa renda ou condición social”, di.
A plataforma destaca que "a nosa forma de habitar o territorio fai que onde máis subira os alugueiros nos últimos anos sexa nas grandes vilas e non só nas cidades". Lembra, igualmente, que en Galicia hai máis de medio millón de vivendas baleiras, o que supón un 28,8% do total, o dobre que no Estado español.