O Plan de Ordenación do Litoral aprobado en 2011 daba á Xunta dous anos para planificar unha senda que dese acceso a todo o litoral galego, que agora retoma o presidente como anuncio do debate de política xeral que comeza este mércores
O 23 de febreiro de 2011 o Diario Oficial de Galicia publicou a aprobación do Plan de Ordenación do Litoral, que na súa disposición adicional segunda establecía que "no prazo de dous anos" a Xunta debería iniciar a planificación dunha denominada Senda dos Faros que conectase e fixese accesible toda a costa galega. Esa senda costeira foi ideada polo goberno bipartito de PSdeG e BNG, que a introduciu no Plan do Litoral que acabaría aprobando Feijóo.
Este martes, 12 anos despois do prazo establecido, Rueda avanzou en redes sociais que un dos seus anuncios no debate de política xeral que comeza este mércores no Parlamento será "unha senda que conecte toda a nosa costa dende A Guarda a Ribadeo". Un proxecto que contextualiza co recente traspaso a Galicia de competencias sobre o litoral.
A senda litoral planificada polo bipartito e aprobada por Feijóo pretendía "fomentar o descubrimento do litoral" cunha "rede de sendeiros claramente delimitados, accesibles e seguros, para o uso e gozo da sociedade", segundo se publicou no DOG. Aquela disposición adicional normativa incluída no diario oficial remitía ao desenvolvemento da iniciativa que se facía na memoria do Plan de Ordenación do Litoral aínda hoxe vixente. Nese documento admitíase que "son numerosos os percorridos xa establecidos no litoral galego", tanto sendas como paseos marítimos, e propúñanse os faros como elemento unificador dos mesmos.
Hai década e media a Xunta de Feijóo admitía que o anuncio que agora fai Rueda dependía de "distintas administracións"
O plan tamén admitía que "a senda discorre por un ámbito onde distintas administracións, tanto municipais como autonómicas e estatais, teñen competencias", polo que sinalaba que "é necesario o establecemento de mecanismos adecuados de coordinación e colaboración".

A esas dificultades hai que engadir o feito de que hai treitos da costa que, máis alá da consideración constitucional de que o litoral debe ser público, son de imposible acceso pola súa configuración orográfica ou por estar ocupados por concesións.