Política Social asegura que crea agora o rexistro de familias monoparentais anunciado dende 2010

Unha nai coa súa filla nunha rúa de Santiago, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

A Xunta anunciou por primeira vez hai 15 anos a inminente aprobación do Rexistro de Familias Monoparentais, regulado por lei en 2011 e outra volta en 2021, cando o volveu lanzar. Agora, ao instaurar o trámite para solicitar o certificado para estas unidades familiares por vía electrónica, afirma que si o vai abrir 

En maio de 2010, cando pasara apenas un ano dende que o PP retornara á Xunta tras o mandato do Goberno de coalición de PSdeG e BNG, a daquela conselleira de Traballo e Benestar -área na que Alberto Núñez Feijóo fusionara os departamentos social e laboral do anterior executivo- anunciaba a creación dun rexistro galego de familias monoparentais. "Por primeira vez en Galicia", avanzaba a daquela conselleira, Beatriz Mato, estaría un marcha un instrumento para "adaptarse ao presente das familias galegas" e, entre outros aspectos, facilitar o acceso a axudas públicas ao que xa daquela eran arredor dun 10% dos fogares galegos, segundo o Instituto Galego de Estatística.

Esa promesa, como avanzara Mato, ficou plasmada na Lei de Apoio á Familia e á Convivencia do ano 2011, pero non chegou a cumprirse. En febreiro de 2021 a xa denominada Consellería de Política Social retomou a iniciativa ao abeiro da Lei de Impulso Demográfico e púxose prazos: "No prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei darase cumprimento ao mandato de creación do Rexistro de Familias Monoparentais Galegas" previsto en 2011. Tampouco sucedeu daquela. O departamento de Fabiola García di que agora, en 2025, si o vai facer ao abeiro dun novo trámite na materia que vén de activar.

En 2021 Política Social mesmo chegou a sacar a consulta pública previa os seus plans para redactar un decreto para "regular o establecemento dos requisitos e medios de acreditación da condición de familias monoparentais e a organización e xestión do rexistro de familias monoparentais". O pasado abril a propia Consellería sinalaba que "máis de 6.000 familias monoparentais" dispoñen xa dun certificado oficial da Xunta para acceder a diferentes vantaxes e beneficios, pero o prometido rexistro segue sen estar creado.

A conselleira Fabiola García sinala que a orde que vén de poñer a exposición pública si implica crear "o primeiro rexistro de familias monoparentais" para "reforzar a súa protección", alén de "facilitar a solicitude do certificado"

Con este pano de fondo de quince anos de anuncios que non chegan a concretarse, o pasado 18 de maio a conselleira García, aproveitando o acto institucional da Xunta polo Día Internacional das Familias -que se conmemora cada 15 de maio- avanzaba que este pasado luns, día 19, o Goberno ía "presentar o primeiro Rexistro Galego de Familias Monoparentais". "A Xunta someterá a exposición pública o primeiro rexistro de familias monoparentais", que "permitirá reforzar a súa protección e facilitar a solicitude do certificado", indicou Política Social nun comunicado.

O que a Xunta vén de publicar no seu Portal de Transparencia para abrir un prazo de envío de suxestións ata o vindeiro 9 de xuño é o proxecto da orde polo que a Sede Electrónica do Goberno galego vai ter un procedemento específico para solicitar o certificado de familia monoparental. Ata agora, para solicitalo por esta vía cumpría empregar o formulario de procedemento xenérico, o destinado para trámites que non teñen aprobado un específico.

Beatriz Mato, intervindo tras un Consello da Xunta como conselleira de Traballo e Benestar en 2009 e Fabiola García, actual titular de Política Social, tras o Consello do pasado 5 de maio de 2025 CC-BY-SA Xunta

Así, tras referirse ás devanditas leis de 2011 e 2021, o texto evidencia que a orde "se limita a a habilitar a presentación electrónica das correspondentes solicitudes do certificado de familia monoparental mediante a incorporación da tramitación do procedemento á sede electrónica da Xunta de Galicia". Ao longo de sete artigos e unha disposición derradeira, detalla o xeito en que se presentarán as solicitudes, a documentación precisa ou o sistema de notificacións ao respecto, ademais de regular o deseño dos novos formularios.

Os fogares conformados por familias monoparentais superan os 114.000, uns 13.000 máis que a primeira vez que a Xunta anunciou o rexistro, e equivalen a arredor dun 10% do total 

A Consellería, non obstante, presenta a futura aprobación desta orde coma o paso definitivo para a creación do anunciadísimo rexistro. Ao longo destes anos os grupos da actual oposición parlamentaria reclamaron ao Goberno o cumprimento da promesa estreada en 2010. Así o volveu reclamar, por exemplo, no recente debate de política xeral a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que sinalou a reiterada promesa do rexistro de familias monoparentais como mostra de que, ao seu xuízo, a "palabra" do presidente da Xunta "non vale nada".

Segundo os datos máis recentes do IGE, correspondentes a 2024, algo máis de 114.000 fogares galegos están conformados por familias monoparentais. Son un 10,38% do total dos fogares do país -os formados por parellas con fillos ou fillas supoñen o 28%- e uns 13.000 máis que a primeira ocasión en que a Xunta anunciou a creación do rexistro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.
OSZAR »