O PP non logra que a Xunta cumpra a petición de ampliar a Rede Natura aprobada polo Parlamento hai catro anos

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, nunha visita a un espazo da Rede Natura 2000 e petición de hai catro anos do Parlamento, co voto favorable do PP, para que amplíe eses espazos CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O Goberno galego mantén paralizada desde 2011 a extensión dos espazos protexidos malia apercibimentos reiterados da Comisión Europea e un acordo da Cámara galega aprobado polos populares

O 18 de maio de 2021, hai agora catro anos, o Parlamento de Galicia aprobou, co voto a favor do PP, unha iniciativa do PSdeG que instou a Xunta a "rematar os traballos para a ampliación e revisión da Rede Natura 2000, así como avanzar na aprobación dos diferentes plans de xestión no prazo máis breve posible". Este 21 de maio é o Día Europeo da Rede Natura e eses traballos de ampliación en Galicia, paralizados pola Xunta desde 2011, seguen sen culminarse malia reiterados apercibimentos da Comisión Europea e a petición feita polo propio PP.

Espazos actuais da Rede Natura 2000 en Galicia competencia da Xunta, aos que hai que engadir a recente ampliación da rede en todo o litoral decidida polo Goberno de España © Xunta

A Rede Natura 2000 abarca o 12% do territorio galego, fronte ao 27% no conxunto do Estado. No mar, espazo da súa competencia, o Goberno de España estendeu o pasado ano este tipo de zonas protexidas a todo o litoral galego. Pero en terra a Rede Natura está estancada desde 2011.

Naquel ano a Xunta presentou unha proposta de ampliación da superficie, pero nunca a chegou a aprobar, e despois aprobou en 2014 un Plan Director da Rede Natura xa existente que, como ocorreu con documentos similares doutras comunidades autónomas, a Comisión Europea considerou insuficiente para protexer correctamente a biodiversidade, polo que está aberto un procedemento de infracción contra España. A UE considera que nin os espazos delimitados son suficientes para protexer as especies que o merecen nin os mecanismos de protección de cada espazo son os adecuados.

A paralización parecía chegar á súa fin en maio de 2021, cando o PPdeG, ante unha das reiteradas peticións de BNG e PSdeG para que se amplíe a Rede Natura, acabou votando a favor na Cámara galega. "O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a rematar os traballos para ampliación e revisión da Rede Natura 2000, así como avanzar na aprobación dos diferentes plans de xestión no prazo máis breve posible”, dicía aquela proposición non de lei Aprobada co voto favorable dos populares o día 18 e publicada no Boletín Oficial do Parlamento o día 20.

Sesión do Parlamento o 18 de maio de 2021 na que o PP, á esquerda, aprobou pedir á Xunta que amplíe a Rede Natura 2000, petición aínda non cumprida © Parlamento de Galicia

Hai uns meses altos cargos da Xunta criticaron as restricións ambientais da Rede Natura como lesivas para agricultores e gandeiros

Catro anos despois, a Xunta aínda non atendeu esa petición. Mentres, altos cargos do Goberno galego veñen criticando as restricións ambientais impostas pola UE na Rede Natura como lesivas para agricultores e gandeiros. [“Nas cidades estórbanlles as bostas de vaca”: o PP tenta reter votos no rural cargando contra a UE e o ecoloxismo]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.
OSZAR »