Auditoría si pero non aquí: do silencio do PP por Angrois ao "catastrófico" dos atrasos no AVE Madrid-Sevilla

Feijóo o luns na reunión da dirección do PP que esixiu unha auditoría do sistema ferroviario polas demoras na liña Madrid-Sevilla provocadas polo roubo de cables © PP

O mesmo equipo de Feijóo que resta relevancia á condena de Adif por Angrois esixe "unha auditoría do sistema ferroviario" tras as demoras na liña andaluza rexistradas o domingo por un roubo de cables 

"Catastrófico" foi como definiu o accidente de Angrois a sentenza que o pasado 26 de xullo condenou a un cargo de Adif –e a esa empresa pública como responsable subsidiaria- ao mesmo nivel que o maquinista do tren Alvia pola morte de 79 persoas en 2013. Dez meses despois o equipo de Feijóo á fronte do PP estatal segue sen querer valorar as implicacións desa sentenza para os ferrocarrís españois. Pero agora, tras as demoras provocadas polo roubo de cables o pasado domingo no AVE Madrid-Sevilla, a mesma dirección estatal do partido si considera necesario realizar unha "auditoría do sistema ferroviario". Os populares cualifícano como "catastrófico".

Cargos políticos visitan a zona do accidente de Angrois en xullo de 2013 © Goberno de España

A sentenza polo accidente de Angrois, cualificado de forma técnica pola xustiza como "catastrófico", non suscitou reaccións nin no PP nin no actual Ministerio de Transportes. Silencio que se pode explicar polo feito de que a condena do cargo de Adif ao mesmo nivel que o maquinista tombou a versión oficial de que todo se debera a un erro humano do condutor, o que permitía apartar o foco da ministra naquel momento, a popular Ana Pastor, e do seu antecesor, o socialista José Blanco. 

Se durante o mandato de Blanco a liña Ourense-Santiago foi posta en servizo cunha configuración distinta á inicialmente prevista que acabou rebaixando a súa seguridade, durante o de Pastor desconectouse a bordo dos trens o sistema de control constante da velocidade que podía paliar o despiste do maquinista. Ademais, malia as promesas de colaboración coa investigación, o Goberno de Mariano Rajoy obstaculizouna e manobrou, mesmo ante a UE, en defensa da súa versión oficial de que a culpa fora só do maquinista.

Un coche en silencio dun tren de alta velocidade e sentenza polo accidente de Angrois CC-BY-SA Imaxe: Renfe | Montaxe: Praza Pública

Tras a sentenza de Angrois fontes da dirección do PP admitiron que teñen "outras prioridades" mesmo no eido ferroviario "para criticar a Pedro Sánchez"

A sentenza non atribuíu responsabilidades políticas, pero o cargo de Adif condenado ocupou o seu posto de libre designación tanto co PSOE como co PP e foi mantido polos socialistas noutro cargo a dedo ata maio de 2021. Ademais, a súa sucesora como directora de Seguridade na Circulación, Esther Mateo, defendeu no xuízo a actuación do seu antecesor salientando o segura que era a curva na que ocorreu o accidente.

Neste contexto, nin o actual Ministerio de Transportes nin a dirección estatal do PP de Feijóo quixeron ata agora, en máis de dez meses, valorar as repercusións da sentenza sobre o sistema ferroviario español. No caso dos populares, a resposta obtida ante unha consulta directa de Praza.gal foi que teñen "outras prioridades" mesmo no eido ferroviario para "criticar a Pedro Sánchez".

O propio Feijóo cualifica os atrasos no AVE como "crise de enorme magnitude"

Esa estratexia do PP vén de quedar patente nas últimas xornadas, despois das demoras provocadas en numerosos trens polo roubo de cables rexistrado o pasado domingo na liña de alta velocidade Madrid-Sevilla, un incidente no que para os populares o Goberno de Sánchez deixou "tiradas" a milleiros de persoas. Segundo Feijóo, que cualificou o sucedido como "crise de enorme magnitude", considera que "hai uns anos un atraso na alta velocidade ou un incidente masivo era noticia, hoxe lamentablemente xa non o é".

Por iso, os populares esixen "a comparecencia urxente do ministro Óscar Puente, a elaboración dunha auditoría de toda a rede ferroviaria e o pago de indemnizacións aos usuarios afectados polo caos". Porque, di o PP de Feijóo, a alta velocidade en España pasou de ser "un servizo modélico" a converterse nun "modelo catastrófico".

Borja Sémper e Juan Bravo o pasado luns na súa comparecencia para esixir "unha auditoría do sistema ferroviario" que cualificaron como "catastrófico" © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.
OSZAR »