A Xunta corríxese e manterá os colexios abertos ante apagamentos

Aula baleira nun centro de ensino galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego impulsa un protocolo que fixará o contrario do que decretou inicialmente na apagada do 28 de abril, cando o Goberno de España obrigouna a reabrilos para facilitar a conciliación das familias

Durante o gran apagamento do pasado 28 de abril, algo despois das oito da tarde, a Xunta estableceu que ao día seguinte os centros educativos pechasen. Acabou rectificando ao establecer o Goberno de España pouco despois que abrisen para facilitar a conciliación das familias, pero as mensaxes contraditorias provocaron que nalgúns centros non se aceptase alumnado ata ben entrada a mañá do día seguinte. 

Agora o Goberno galego consolida a súa rectificación e vai establecer por protocolo que en caso de novos apagamentos os centros educativos se manteñan abertos "para facilitar a conciliación das familias", segundo avanzou este luns o presidente, Alfonso Rueda.

Rueda co conselleiro de Educación este luns en Lugo, onde se celebrou a reunión semanal do Consello da Xunta CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O novo protocolo para o ensino enmárcase nunha revisión xeral que está a facer a Xunta de todos os seus protocolos para apagamentos duradeiros alí onde xa existisen e na elaboración de novas previsións onde aínda non as houbera. No caso do ensino Rueda di que "por regra xeral, os centros permanecerán abertos aínda que non haxa actividade lectiva para facilitar a conciliación das familias" de xeito que "os traballadores acudirán ao seu posto".

Na sanidade a Xunta aprobará un protocolo para persoas que nos seus domicilios dependan da electricidade e nas residencias revisaranse os xeradores e fixaranse criterios mínimos para os centros privados

Na sanidade a Xunta considera que os protocolos nos hospitais funcionaron adecuadamente ao conectarse os xeradores eléctricos e permitir que seguisen funcionando as áreas máis críticas. Agora o Goberno galego aprobará un protocolo específico para as persoas que se atopen nos seus domicilios con tratamentos que dependan da electricidade, de xeito que se garanta a súa atención. Durante o apagamento do 28 de abril os servizos de emerxencias trasladaron a centros sanitarios por exemplo a persoas que precisaban de respiradores.

Interior dun centro educativo galego CC-BY-NC-SA CIG Ensino

O Goberno galego tamén considera que funcionaron axeitadamente os xeradores nas residencias públicas. Agora vai revisar o estado de todos eses aparellos e establecer uns criterios mínimos para os centros privados. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.
OSZAR »