Medicina de familia en Burela, derradeira do Estado en dar cuberto as prazas MIR

Vista do hospital de Burela e das últimas prazas MIR adxudicadas en todo o Estado CC-BY-SA Praza.gal

Ao contrario que en anos anteriores Galicia logra asignar todas as prazas de formación sanitaria especializada, o mesmo que as demais autonomías, tras axustes no sistema de elección como a volta á presencialidade

Nos últimos anos converteuse en habitual que quedase sen cubrir en Galicia unha parte significativa das prazas de formación sanitaria especializada, as que habilitan o alumnado graduado en Medicina para traballar na sanidade pública, no eido da Medicina Familiar e Comunitaria. A que é, precisamente, unha das áreas con máis carencia de profesionais. Así, por exemplo, o ano pasado ficaran baleiras 42 das 207 ofertadas, a maior parte delas (28) nas provincias de Lugo e Ourense.

Neste 2025 o Ministerio de Sanidade introduciu mudanzas no sistema de elección de prazas. A máis relevante, o regreso ao sistema de elección presencial que fora substituído polo realizado a través de internet a raíz da pandemia da COVID. Isto, consideran no sector, favoreceu unha mellor asignación das prazas e que o proceso culminase este 28 de maio coa cobertura do 100% en todas as especialidades e en todas as autonomías.

Isto é, quedaron asignadas as 9.007 prazas que sumaban o conxunto de especialidades mesmo sen necesidade dunha segunda volta de elección, que si se celebrou o ano anterior. Tamén se cubriron as 657 ofrecidas en Galicia, dentro das que se atopaban 207 de Medicina de Familia. 

As doce prazas finais escollidas polos MIR de todo o Estado foron en Medicina Familiar na provincia de Lugo

O resultado é, daquela, obviamente máis positivo que en exercicios previos. Pero a letra pequena do proceso amosa circunstancias significativas entre as que emerxen problemas de fondo: as doce derradeiras prazas escollidas en todo o Estado foron en Medicina Familiar na provincia de Lugo e, dentro delas, seis das sete dispoñibles en Burela e as catro ofrecidas polo Sergas en Monforte.

A quenda final de elección finalizaba ás 21:30 deste pasado 28 de maio. Como amosan os datos dispoñibles no Ministerio de Sanidade, houbo que agardar ata sete minutos antes do peche para que quedase cuberta a praza final de Medicina de Familia en Burela. As anteriores foron elixidas nove e doce minutos antes do remate do procedemento.

Entre as vinte prazas que quedaron para o final, todas para MIR de medicina de familia, ata 16 eran galegas e todas correspondentes á provincia de Lugo; outras tres situábanse en Ponferrada e a cuarta en Alcañiz (Aragón). Este ano, ao contrario que os anteriores, a área sanitaria lucense especificou na súa oferta MIR o distrito ao que corresponde cada unha das súas 30 prazas de formación especializada para médicas e médicos de familia. Isto é, ofreceunas co esquema que sería o ordinario antes de que, coa reforma sanitaria da Xunta en 2018, as áreas sanitarias da Mariña e de Monforte ficasen unidas nunha soa coa de Lugo, que dende aquela abrangue toda a provincia.

A área sanitaria da Coruña foi a única das galegas que cubriu todas as prazas MIR de medicina de familia varios días antes da fin do proceso de elección

Outras áreas sanitarias galegas tiveron que agardar moito menos para veren cubertas as súas prazas MIR de medicina familiar e comunitaria. Como amosan as táboas que acompañan a presente información, xa na primeira sesión de elección (o 5 de maio) foi adxudicada unha das 40 prazas da área de Santiago e na segunda, dúas das 39 de Vigo

Así e todo, a que tivo unha cobertura máis rápida foi a área sanitaria da Coruña, que ofrecía 39 prazas de formación para futuras médicas e médicos de familia e as esgotou o día 23, cinco xornadas antes da fin do proceso. En anos anteriores só A Coruña e Vigo deran asignado todas as prazas MIR nesta especialidade.

Como adoito, cómpre ter en conta, en calquera caso, que o feito de que se cubran todas as prazas MIR de Medicina de Familia non implica, necesariamente, que cando finalice o período de formación vaia haber 207 profesionais máis desta especialidade á disposición do Servizo Galego de Saúde. Importantes porcentaxes (arredor da metade entre 2017 e 2021, por exemplo, como informou Praza.gal) de persoal que remata a residencia en Atención Primaria acaban traballando noutros servizos ou fóra do Sergas mentres apuntan á sobrecarga de traballo e outras condicións laborais como parte relevante das causas que o explican. Neste contexto, Sanidade aplaudiu o pasado 2024 que, nesa ocasión, só marchase o 20% do persoal médico de familia que se formara en centros galegos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.
OSZAR »