Absolto o condenado por cómplice do asasinato de Samuel Luiz e ratificadas as penas dos autores do crime

Vista de apelación contra a sentenza polo asasinato de Samuel Luiz, o pasado abril no Tribunal Superior de Xustiza © TSXG

O Tribunal Superior de Xustiza sentencia que o xurado condenou sen probas a Alejandro M.R. porque "ningún dos testemuños" nin as gravacións de vídeo acreditan que golpease a Samuel, "impedise que o axudasen" ou non se "desvinculase" do grupo agresor

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia considera que Alejandro M.R foi condenado por ser cómplice do asasinato de Samuel Luiz sen probas dabondo e decide absolvelo. O alto tribunal galego vén de publicar a sentenza na que resolve os recursos das catro persoas sentenciadas pola Audiencia da Coruña como culpables do crime que custou a vida ao mozo coruñés en xullo de 2021 e ratifica as condenas de Diego M.M. (24 anos de prisión), Kaio A.S.C. (20 anos e medio) e Alejandro F.G. (20 anos) pero exonera a Alejandro M.R. dos dez anos impostos na sentenza inicial.

A Sala do Civil e Penal do TSXG entende, nun ditame emitido este 20 de maio, que "non consta acreditado" que o considerado como cómplice "participase na agresión". "Ningunha testemuña presencial sinala" que "vise" a Alejandro M.R. "golpear, encararse coa vítima, impedir que o axudasen nin dificultar a súa fuxida", di a sentenza. E diante da "ausencia de proba directa", o xurado popular encargado de axuizar este caso na Audiencia "apóiase en probas indiciarias" como que "estaba alí", "vese nas cámaras correr cara ao lugar da agresión" ou que "as cámaras recollen a súa imaxe tras a agresión" en compaña doutro dos acusados.

Os acusados polo asasinato de Samuel Luiz e os seus letrados, durante o xuízo na Audiencia da Coruña © TSXG

O xurado, abonda a sentenza, entendeu que "coa súa presenza", o agora absolto "impide que auxilien" a Samuel Luiz e "non se desvincula do grupo agresor". E "indicaron que chegan a esa conclusión pola declaración de varias testemuñas" e as "imaxes do vídeo". Pero "ningún dos testemuños afirma tales extremos" nin as gravacións de vídeo dispoñibles "permiten velo realizando ningunha conduta das descritas". E mesmo unha testemuña "sinala" que si se "desvincula" dos agresores marchando a outro lugar, o cal "non se ten en conta polos xurados".

Por todo isto, o Tribunal ve "vulnerada a constitucional presunción de inocencia, ao carecer a condena de base razoable" e estima o recurso, anulando a condena. Non sucede o mesmo cos recursos dos demais acusados, que non ven alteradas as súas condenas nun crime no que o principal acusado, Diego M.M., considerou que Samuel Luiz "o estaba gravando" co seu teléfono móbil ás portas do pub no que se atopaban.

As probas do asasinato homófobo dun mozo "totalmente indefenso"

"Polas palabras, xestos, forma de vestir e aparencia física da vítima", o asasino "interpretou que era homosexual, chegando a diciclle: "Deixa de gravar, a ver se te vou matar, maricón", di a sentenza. "Este feito -ratifica o ditame- desencadeou a reacción totalmente agresiva" de Diego M.M contra Samuel, "pola súa animadversión cara á condición homosexual que lle atribuíu", "golpeándoo con puñadas e patadas, principalmente nas zonas de cabeza e cara".

Flores en homenaxe a Samuel Luiz no lugar onde foi asasinado, poucos días despois do seu falecemento CC-BY-NC-SA Praza Pública

Neste punto, indica a sentenza do Tribunal Superior, Alejandro F.G. sumouse á agresión "de forma inmediata, atacando á vítima por detrás, rodeando con forza o seu pescozo co seu brazo". O mesmo Kaio A.S.C., que "saíu correndo e se integrou no grupo agresor, propinando á vítima polo menos unha patada", ademais de "impedir a súa fuxida" e "dificultar calquera tipo de axuda ou defensa eficaz que puidesen prestarlle terceiras persoas". Tamén "se adheriron" os dous menores de idade que xa foron condenados neste caso. 

O Tribunal ve probado que o principal acusado "interpretou" que Samuel "era homosexual" e a "súa animadversión" cara a esa "condición" foi a que "desencadeou a reacción totalmente agresiva" na malleira mortal á que se sumaron os outros condenados

Samuel, enfatiza o tribunal, "atopábase totalmente indefenso e desvalido debido ao elevado número de persoas que o agredían e rodeaban" ata que "nun momento dado e a duras penas (...), logrou incorporarse e tentou abandonar o lugar". Foi nese momento cando Ibrahima Diack e Magatte N'Diaye, dous veciños da cidade de orixe senegalesa, "trataron de axudalo e de afastalo dos seus agresores, sendo perseguidos uns 150 metros polo grupo agresor", "propinando golpes e impedindo a defensa e fuxida".

Foi pouco despois cando Samuel Luiz "caeu inconsciente" ao chan, momento en que os asasinos aproveitaron para fuxir. Durante a madrugada, "durante unha conversa con terceiros" no Parque Europa, o principal acusado, Diego M.M, "proferiu unhas expresións do tipo de "quen lle mandou ao puto maricón meterse niso, se era un puto maricón", recolle a sentenza. Samuel Luiz acabaría morrendo no CHUAC pouco antes das sete da mañá.

Contra esta sentenza cabe recurso de apelación ante o Tribunal Supremo.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.
OSZAR »