Recuperacións posesorias: o proceso que afecta á parella de Feijóo habitual durante gobernos anteriores

Terreo que Costas quere recuperar para o público e dá acceso á praia no chalé de Cárdenas, sobre un plano do expediente exposto ao público por Costas CC-BY-NC-SA Praza.gal

Costas tramitou en Pontevedra o pasado ano 4 casos de recuperación de terreos públicos no litoral, incluído o de Cárdenas, fronte os 7 de 2011 ou 4 de 2014 na mesma provincia e os 316 en todo o Estado no período 2011-15

O pasado ano a Dirección Xeral da Costa do Goberno de España tramitou só na provincia de Pontevedra 4 procesos de recuperación posesoria de terreos públicos do litoral ocupados dun ou doutro xeito por particulares. Un deles foi o proceso aínda non rematado e iniciado en novembro, avanzado en exclusiva por Praza.gal, para recuperar un terreo público duns 210 metros cadrados que está pechado conxuntamente coa propiedade privada que mercou en 2019 en Moaña Eva Cárdenas, parella de Alberto Núñez Feijóo. 

Aquel proceso levou a Cárdenas a pedir unha concesión sobre ese espazo que agora lle vén de ser denegada, ante o que pode presentar recurso, o que alongaría a tramitación deste expediente de recuperación posesoria. Uns expedientes habituais con anteriores gobernos, que se van reducindo cos anos a medida que mellora a xestión da costa e que se enfrontan á falta de recursos persoais e materiais do departamento de Costas. Así o denunciou o Tribunal de Cuentas e asumiu o propio PP de Feijóo, que en decembro, un mes despois de coñecerse o caso de Cárdenas, pediu máis recursos para estas cuestións.

Segundo o Tribunal de Cuentas, as recuperacións posesorias de terreos públicos do litoral están reducíndose nos últimos anos. No período 2006-10 foron 1.412, no período 2011-15 foron 316 e no período 2016-2020 foron 90. Porén, o propio ente fiscalizador sinala importantes eivas na aplicación DUNA coa que Costas xestiona o seu traballo. Así, sinala que "as demarcacións e servizos provinciais dispoñen de listados de actuacións de recuperación posesoria á marxe de DUNA, polo que a información sobre estes procedementos é, en todo caso, incompleta". "Non existe un inventario único", engade Cuentas noutro punto do seu informe, polo que realmente hai máis expedientes de recuperación posesoria que os anteditos.

O Tribunal de Cuentas advertiu eivas na aplicación coa que Costas xestiona os expedientes de recuperación posesoria e apunta que realmente son máis que os rexistrados

No caso da provincia de Pontevedra, os rexistros de recuperacións transitorias do servizo provincial de Costas reflicten unhas oscilacións que poderían explicarse por eses problemas estruturais do departamento e pola progresiva redución de expedientes en todo o Estado a medida que se vai depurando a aplicación da Lei de Costas de 1988 que estableceu que parte do litoral debe ser pública. Segundo as súas cifras, en 2008 houbo 6 expedientes de recuperación posesoria, 1 en 2010, 7 en 2011, 4 en 2014, 2 en 2015 e 4 en 2024. 

Ante as dificultades para tramitar estas recuperacións posesorias denunciadas polo Tribunal de Cuentas, o pasado decembro a comisión mixta Congreso-Senado para as relacións con ese ente fiscalizador pediu ao Goberno máis recursos en xeral para os procedementos de defensa do dominio público por parte de Costas. 

Nunha sesión presidida polo deputado galego Álvaro Pérez López, home da máxima confianza de Feijóo desde hai máis de dúas décadas, o PP asumiu o contido, conclusións e recomendacións do Tribunal de Cuentas e mesmo votou a favor dunha proposición do PSOE que insta ao Goberno "a corrixir as debilidades na protección e integridade do dominio público marítimo-terrestre, entre as que destaca a insuficiencia de recursos para exercer a vixilancia do dominio público marítimo-terrestre e para tramitar e executar eficazmente os procedementos administrativos en defensa deste".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.
OSZAR »