Guerras, cambio climático, avellentamento: os desastres nos que a Xunta ve "oportunidades" para a economía

Rueda nunha fábrica de vehículos militares, presentación de Galicia como "Refuxio Climático" para atraer turismo e Plan Estratéxico da Xunta que aposta por "aproveitar o nicho de mercado" do envellecemento CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

O Goberno galego presenta a industria militar como "unha extraordinaria oportunidade", publicita Galicia como "refuxio climático" para o turismo e propón ás empresas "aproveitar o nicho de mercado do envellecemento"

O pasado 12 de maio o Consello da Xunta aprobou a Estratexia galega do aeroespazo, seguridade e defensa coa que aposta pola industria militar para aproveitar as "crecentes oportunidades" do actual "contexto sociopolítico", isto é, das guerras, conflitos violentos e inseguridade. Pero non é a primeira vez que o Goberno galego ve en desastres sociais unha "oportunidade" de negocio para as empresas. No eido do turismo a Xunta está a publicitar Galicia como "Refuxio Climático" fronte aos efectos máis graves do quentamento global noutras zonas do planeta. E o avellentamento da poboación que é un problema para boa parte do país é proposto ás empresas como "nicho de mercado" a aproveitar.

Rueda nunha visita a unha fábrica de vehículos militares CC-BY-SA Praza Pública

No eido militar, a estratexia agora aprobada pola Xunta prevé destinar 183 millóns de euros a "incorporar Galicia ás crecentes oportunidades que ofrecen os sectores da defensa e a seguridade no marco do actual contexto sociopolítico". O propio presidente Rueda salienta que nos vindeiros anos "vanse incrementar as necesidades en materia de seguridade e defensa" polo que "o sector aeroespacial pode ser unha vía para que industrias xa consolidadas en Galicia, naval, automoción, loxística e metal, poidan diversificar a súa actividade". "Unha extraordinaria oportunidade para xerar nova actividade económica e tamén xerar emprego de calidade", engade a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.

A Xunta salienta para atraer turismo coa marca "Refuxio Climático" que "nos últimos anos a temperatura media anual en Galicia incrementouse a un ritmo notablemente inferior"

Na mesma liña o pasado xaneiro, no marco da feira internacional de turismo Fitur, en Madrid, a Xunta presentou o cambio climático como unha oportunidade para o sector en Galicia. A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, presentou Galicia como un lugar "privilexiado" e a súa meteoroloxía "benigna e amable" en comparación con outros territorios argumentando entre outras cuestións que "nos últimos anos a temperatura media anual en Galicia incrementouse a un ritmo notablemente inferior ao do resto do país". 

A conselleira de Medio Ambiente presentando a marca 'Galicia Refuxio Climático' en Fitur CC-BY-SA Xunta de Galicia

Isto é, o quentamento global tamén afecta a Galicia, pero ao facelo de xeito máis lento supón unha oportunidade de negocio para o sector turístico. De aí a creación da marca Galicia Refuxio Climático. Porén, un recente estudo da UE cifrou en só un 0,5% o aumento do turismo en Galicia co actual quecemento global, que debera dispararse a niveis de moito maior risco para o medio mabiente mundial (4 graos) para que o país captase un 3% máis de turismo.

Previamente, durante a pandemia, a Xunta xa presentara Galicia como "destino seguro" fronte a outros pola menor incidencia da enfermidade ou a menor masificación, tentando así aproveitarse das recomendacións sanitarias fronte a COVID-19.

Tamén o avellentamento da poboación é para a Xunta un "nicho de mercado" que poden aproveitar as empresas. Así llo transmitiu directamente ao sector a finais de 2021, presentando o envellecemento activo como "un nicho de actividade" a aproveitar en Galicia e salientando "a importancia da industria do envellecemento activo como sector de actividade con gran potencial de crecemento"

Referencia ao envellecemento como nicho de mercado no Plan Estratéxico da Xunta ata 2030 CC-BY-NC-SA Praza.gal

O Plan Estratéxico de Galicia contempla "aproveitar o nicho de mercado que supón o envellecemento"

Despois, en 2022, o Goberno galego incluiría esa cuestión no seu Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, no que promove "aproveitar o nicho de mercado que supón na actualidade o envellecemento, de xeito que sexa unha oportunidade de emprego e de creación de novos retos".

Na liña de buscar "oportunidades para as empresas galegas", a Xunta tamén vén de crear un posto de conseguidor ou lobista en Madrid encargado de "configurar unha rede de contactos e oportunidades" que aproveite "o ecosistema económico empresarial da capital do Estado".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.
OSZAR »