Condenada a mala fe da Xunta tras dar un "anticipo" de axudas a autónomos despois da data límite para gastalas

Rueda nun acto con autónomos CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Consellería de Emprego esixiu a devolución dunha subvención por investila tarde malia ser ela quen a pagou despois do prazo que fixara, "actitude" que o TSXG censura como "pouco dilixente" e afastada da "boa fe"

Hai anos que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén poñendo "en cuestión" o fomento do emprego autónomo por parte da Xunta pola excesiva rigorosidade e erros cos que xestiona as súas subvencións nese eido. Agora volve facelo cunha nova sentenza que censura a "actitude" afastada da "boa fe" da Consellería de Emprego por esixir a devolución dunha axuda de preto de 2.000 euros do denominado Bono das persoas autónomas por non investilos antes da data límite malia que ela mesma non pagara ao afectado o suposto "anticipo" da subvención ata despois desa data.

Fragmento da sentenza que revela que a Xunta pagou unha axuda como "anticipo" despois do prazo dado por ela mesma para gastala CC-BY-SA Praza Pública

Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza do TSXG feita pública nos últimos días, o solicitante pediu o Bono das persoas autónomas de 2022 o primeiro día en que se abriu a convocatoria, o 14 de xaneiro, para investir en melloras estéticas nun local e na compra dun ordenador. Non foi ata 10 meses máis tarde, o 10 de novembro, que lle concederon a axuda, que aceptou apenas unha semana despois, o día 18.

A convocatoria das axudas contemplaba que os beneficiarios debían pagar os investimentos realizados antes do 5 de decembro. E tamén contemplaba que "coa aceptación da subvención realizarase o pagamento anticipado". Porén, malia aceptar a subvención o 18 de novembro, apenas unha semana despois de que a Xunta a concedese e 10 meses despois de solicitala, o pagamento supostamente "anticipado" non foi realizado ata o 15 de decembro, dez días despois do límite para facer o investimento e só 5 días antes do límite para entregar toda a documentación xustificativa, fixado no 20 de decembro.

A Xunta tardou dez meses en outorgarlle a axuda e despois máis dun ano en esixirlle a devolución do "anticipo" que lle deu cando xa non pasara o prazo para gastalo

Con prazos tan axustados, o beneficiario presentou o día antes de rematar o prazo de xustificación, o 19 de decembro, a factura e o certificado de pagamento dos investimentos realizados con data do 7 de decembro, antes mesmo de recibir o "anticipo" da Xunta, pero dous días despois do límite fixado por esta para facer os investimentos. Aínda sería máis dun ano despois, en xaneiro de 2024, cando a Consellería de Emprego lle requiriu que devolvese os 2.000 euros da subvención por non gastalos a tempo.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

Ante estes feitos o tribunal salienta "o silencio, ou a demora da administración en cumprir co pagamento anticipado, que termina tendo lugar nunha data na que xa concluíu o prazo previsto para a xustificación do gasto". "É a propia Administración a que coa súa actitude á hora de cumprir cun pagamento anticipado o fai en forma tardía", critica o tribunal, que tamén censura a convocatoria como "confusa" ao fixar o 20 de decembro como límite "en todo caso" para a xustificación dos gastos, abrindo a porta a que os beneficiarios puidesen entender que podían realizalos ata esa data.

O TSXG tamén salienta que "nunca se puxo en dúbida o bo fin da subvención ou a correspondencia entre o gasto facturado e abonado co obxecto subvencionado". Así que acaba establecendo o dereito do beneficiario a quedar cos 2.000 euros da axuda "despois de que a administración actuase nun ton pouco dilixente, demorando o abono do que cualificara como 'pagamento anticipado'".

Autónomos de Galicia, durante un acto © AUGA

“Arbitrariedade”, “falta de transparencia” ou “extremado rigor formalista” son algunhas das expresións que os tribunais veñen dirixindo ao Goberno galego no eido do emprego autónomo "que tanto pregoa"

A sentenza agora coñecida é unha máis das diversas que veñen condenando o Goberno galego por denegar ou restrinxir subvencións ligadas co emprego a persoas ou empresas que tiñan dereito a elas. “Arbitrariedade”, “falta de transparencia” ou “extremado rigor formalista” son algunhas das expresións coas que veñen cualificando as actuacións do Goberno galego uns tribunais que mesmo chegaron a poñer “en cuestión” o fomento do emprego autónomo “que tanto pregoa” a Xunta. 

Un rigor formalista co que o Goberno galego deixou por exemplo sen axuda a un autónomo porque fixo un ingreso nun banco e non unha transferencia, denegou unha axuda a outro autónomo co argumento de que tiña débedas con Facenda e ao tempo deulle outra subvención porque non as tiña, ou impediu que unha autónoma puidese elixir a máis favorable de entre dúas subvencións ás que tiña dereito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.
OSZAR »