Máis sombras que luces na situación de Cuba

Unha rúa na Habana CC-BY-SA Christopher L.

Dende o remate da pandemia da COVID teñen abandonado a illa arredor de medio millón de persoas. A explicación deste fenómeno deriva do empeoramento nas condicións de vida de amplos sectores sociais e a actitude deliberadamente permisiva amosada polo goberno cubano, facilitando a saída a través de Nicaragua

Como se pode comprobar, case diariamente, dende o pasado mes de Novembro -co trunfo de Trump nas eleccións presidenciais norteamericanas- o foco da atención internacional está practicamente concentrado no que se cociña nos despachos da Casa Branca. Ao mesmo tempo, e nun espazo xeográfico non moi distante, asistimos a unha circunstancia relativamente inédita: a situación social, económica e política de Cuba fica nun lugar moi marxinal na xerarquía mediática. O que pasa -ou pode pasar- en Washington exerce tal forza gravitacional que case anula novas tan relevantes como a repetición de apagadas eléctricas xeralizadas na illa caribeña.

Hai case un ano, tiven ocasión de analizar, nesta mesma páxina, algunhas das características da situación pola que atravesaba a sociedade cubana. Despois dunha nova visita familiar non podo afirmar que teña observado cambios significativos. En todo caso, só hai unha variación que engade mais dificultades ao panorama anterior: a decisión tomada pola nova Administración Trump anulando as normas do goberno de Biden que posibilitaban a entrada legal -en determinadas condicións- de cidadáns de diversos países latinoamericanos. Ademais do remate desta vía migratoria, as novas autoridades están decididas a conseguir a deportación de todas aquelas persoas que entraron no territorio norteamericano durante os últimos anos.

Nos últimos catro anos rexistráronse dous fenómenos novos que impactaron seriamente na realidade social: a diminución substancial no volume de turistas que visitan a illa e a reiteración nas deficiencias do subministro eléctrico aos fogares e ás actividades produtivas

Diversos analistas estiman que, dende o remate da pandemia da COVID, teñen abandonado a illa arredor de medio millón de persoas. A explicación deste fenómeno -protagonizado fundamentalmente por xente moza- deriva da conxunción de dúas circunstancias: o empeoramento nas condicións de vida de amplos sectores sociais e a actitude deliberadamente permisiva amosada polo goberno cubano, facilitando a saída a través de Nicaragua. Para moitos xoves, a saída de Cuba é a última esperanza para acadar unha vida mellor porque desconfían das políticas e das promesas formuladas polos dirixentes gobernamentais. A emigración destas persoas provoca dous efectos beneficiosos, no curto prazo, para o poder establecido: diminúe o clima de tensión que poderían protagonizar as persoas que abandonan o país e propicia a chegada de remesas de divisas dirixidas aos seus familiares.

Nos últimos catro anos rexistráronse dous fenómenos novos que impactaron seriamente na realidade social: a diminución substancial no volume de turistas que visitan a illa e a reiteración nas deficiencias do subministro eléctrico aos fogares e ás actividades produtivas. Ambas cuestións reflicten ben as dificultades polas que atravesa o país: debilitase unha fonte importante de divisas que podería contribuír ao financiamento -aínda que fose parcial e transitorio- das graves carencias estruturais que padece o sistema enerxético cubano.

O dato de que Vietnam é, actualmente, o segundo produtor de café no mundo (só por detrás de Brasil) mentres Cuba non aparece entre os 10 países mais importantes nesa materia, exemplifica a diferenza substancial na aplicación de dous modelos que naceron como fillos dun mesmo patrón ideolóxico

Nestes días estase conmemorando o 50 aniversario do remate da guerra de Vietnam. Naquel momento, o pais asiático estaba practicamente arrasado pola maquinaria bélica dos USA mentres Cuba xa levaba 15 anos acometendo a construción dun novo modelo social xurdido a partir do proceso revolucionario encabezado por Fidel Castro. Nos dous casos, a estrutura política era semellante -o poder estaba nas mans exclusivas do Partido Comunista- e tamén eran comúns as fontes ideolóxicas inspiradoras do sistema (cunha compoñente dominante baseada no marxismo oficial soviético con algunhas engadegas relevantes do modelo chinés). Podería resultar anecdótico pero o dato de que Vietnam é, actualmente, o segundo produtor de café no mundo (só por detrás de Brasil) mentres Cuba non aparece entre os 10 países mais importantes nesa materia, exemplifica a diferenza substancial na aplicación de dous modelos que naceron como fillos dun mesmo patrón ideolóxico. Na explicación oficial da notábel diverxencia entre a situación actual de ambos países, constatase unha distancia significativa nos relatos formulados: mentres as autoridades da illa caribeña atribúen as dificultades presentes á histórica belixerancia practicada polos USA, os gobernantes vietnamitas vinculan os avances rexistrados coas bondades das súas políticas.

Cuba pasou de ser o punto de referencia das expectativas de mudanza que se xeraban nunha boa parte da América Latina a estar colocada nun plano moi subalterno na correlación de forzas e intereses que operan nesa rexión do mundo

Resulta moi complicado facer un prognóstico sobre o futuro de Cuba. En todo caso, pódense sinalar tres escenarios teoricamente posíbeis no horizonte temporal do vindeiro lustro: 1) a continuidade da situación actual (deterioro das condicións materiais de vida da maioría da poboación e mantemento do poder de coerción que posúe a elite política gobernamental); 2) unha reedición -con novos protagonistas- da vella relación de dependencia económica coa URSS que, ademais de posibilitar o funcionamento dun aparello produtivo fortemente subsidiado, favorecese a viabilidade dalgunhas reformas políticas controladas; 3) apertura dun proceso negociador entre o goberno, a oposición interior (que posúe unha cativa relevancia organizada) e a Administración norteamericana que permitise acadar un acordo para o establecemento dun sistema político pluripartidista homologábel ao que rexe na maioría dos Estados latinoamericanos.

Ademais das dificultades acumuladas nas últimas décadas, Cuba padece hoxe unha situación antes descoñecida: pasou de ser o punto de referencia das expectativas de mudanza que se xeraban nunha boa parte da América Latina a estar colocada nun plano moi subalterno na correlación de forzas e intereses que operan nesa rexión do mundo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.
OSZAR »