"A estima polo noso cantigueiro tardou en espertar, pero non parou de medrar desde os 70"

Dorothé Schubarth e Antón Santamarina © Consello da Cultura Galega

"Levo asistindo á celebración das Letras Galegas desde o ano 1963 e creo que non houbo un ano que tivera unha repercusión popular tan importante como este"

Antón Santamarina (San Martín de Suarna, A Fonsagrada, 1942) confesa que nunca antes viu tanto entusiasmo arredor da celebración das Letras Galegas como este ano, dedicado á poesía popular oral e ás cantareiras. Lingüista especializado no ámbito da lexicografía, catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela, académico na Real Academia Galega (RAG) e membro do Instituto da Lingua Galega; sen as súas achegas sería impensable estar festexando este ano das Letras. Humilde e comedido, repasa nesta conversa aquel primeiro contacto coa musicóloga suíza Dorothé Schubarth, coa que preparou os sete volumes do Cancioneiro popular galego (Fundación Barrié, 1984-1988), considerado o repertorio máis amplo da música popular de tradición oral do país.

Este sábado, Santamarina intervirá cun discurso no pleno extraordinario da Academia polo Día das Letras Galegas, que se celebrará en Malpica de Bergantiños, terra das Pandeireteiras de Mens, figura destacada este ano xunto a Rosa e Adolfina Casás e a Eva Castiñeira. O académico procura estar ao día da xente nova que hoxe volve sobre as músicas tradicionais e celebra fitos como o das Tanxugueiras enchendo o Coliseum da Coruña. Elas, Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro, estarán tamén no acto central da RAG do 17 de maio. Nada disto sería posible agora sen o traballo rigoroso que fixeron a finais dos anos setenta para a recompilación e edición do Cancioneiro popular galego, porque xa daquela chegaron ‘tarde’ para recoller algunhas coplas. Xunto a Manuel Rico vén de publicar o libro Eu non canto por cantar na editorial Fabulatorio, unha escolma de cantigas tradicionais coas súas letras e partituras.

Cando coñeceu a Dorothé Schubarth e o Cancioneiro popular galego estaba por facer, pensaba que chegarían tan lonxe?

A idea do cancioneiro non foi exactamente miña, foi dela, porque apareceu por aquí no ano 1978 e viña buscando músicas arcaicas para comparalas con outras músicas doutros países europeos para comprobar as afinidades que había neste tipo de músicas. Por casualidade, atopouse comigo. Estabamos dando cursos de galego para mestres, cursos de reciclaxe, porque daquela os mestres non se formaran en galego, e nun daqueles cursos apareceu Dorothé, que de viña de Cervantes, das zonas orientais de Lugo. A partir daquela empezou a vir polo meu despacho co seu magnetófono, borradores de transcricións e de letras. Como daquela sabía aínda moi pouco galego, tiña moitas dificultades para entender as letras. Ademais, hai letras moi enrevesadas, aínda que se entenda exactamente, moitas veces as letras queren dicir unha cousa distinta do que din.

'Eu non canto por cantar', de Manuel Rico e Antón Santamarina, editado por Fabulatorio este ano © Fabulatorio

Nun principio o traballo empezou facéndoo ela realmente. Eu acompañeina moitas veces, especialmente por zonas da provincia da Coruña; pero a maior parte dos desprazamentos desde Santiago facíaos ela. Botaba quince días facendo traballo de campo e logo volvía e traballabamos os dous xuntos nas transcricións das letras pola miña parte e nas transcricións das melodías pola parte dela. En 1980 acabábaselle a bolsa coa que viñera de Basilea, pero quedaba moita Galicia por explorar. Entón, animeina a que pedira unha bolsa aquí, á única fundación que había, que era a Barrié. Finalmente déronlla, con Filgueira Valverde como aliado na causa, e ata 1986 mantivo esa axuda da Fundación Barrié, que lle permitiu afondar nas recollidas. Despois, houbo tamén xente que lle deu algún material. Eu mesmo paseille gravacións que tiña desde o ano 68, cando recollín para a miña tese de doutoramento pola Fonsagrada. Incluso tiven durante unha semana enteira un informante moi bo: Florencio, O Cego dos Vilares.

Logo, en 1986, rematou a bolsa e á vez ela gañou unha cátedra no conservatorio de Basilea, así que se volveu para alá. Pero quedaban aínda varios volumes do cancioneiro sen publicar. De feito, a publicación durou once anos: o primeiro volume publicouse no 84 e o último no ano 95. Ela practicamente botou dezasete anos enteiros traballando sobre o cancioneiro.

"Dorothé botaba quince días facendo traballo de campo e logo volvía e traballabamos os dous xuntos nas transcricións das letras pola miña parte e nas transcricións das melodías pola parte dela"

Sorprendeulle que houbese tanta variedade, tanto temática como de xente que cantaba e tocaba?

En principio non sabes moito que vas atopar. O problema é cando te encontras con esa cantidade. No cancioneiro hai aproximadamente unhas 1.800 partituras, quero dicir, que son 1.800 melodías diferentes. E logo hai infinidade de letras. Claro, aí hai moitísima variedade de temas. O problema é clasificar todo iso, porque tes que ter algún criterio, e ese é un traballo que nos deu moito labor. Especialmente a ela porque os temas musicais son variados, pero tiña o seu método para clasificar. No que respecta ás letras, hai cantigas que son coplas soltas de catro ou tres versos que vas encadeando unha con outra, pero tamén as podes clasificar por motivos. Se ollas o índice de cada un dos volumes, hai moito material aí para traballar. E é discutible, cada un ten o seu método.

Para repartir todo ese material, nós empezamos no primeiro volume con cantigas de labor e de oficios. No segundo temos cantigas que se refiren ás festas anuais. No número tres temos romances históricos, co romanceiro hispánico, que a maior parte deles están en castelán. Os volumes cuarto e quinto son de romances en galego, que normalmente son historias locais ou desafíos. O sexto, que é o máis voluminoso de todos, é de coplas. Así foi como acabou cristalizando todo nun cancioneiro.

Primeiro volume do 'Cancioneiro Popular Galego' de Schubarth e Santamarina © RAG

"O cancioneiro popular é como unha especie de espello do que era a vida rural de antes dos anos sesenta"

Comenta que non era fácil comprender todo o que querían dicir as cantigas realmente, porque tamén empregaban uns códigos propios.

Non exactamente. Para un galego, para un nativo dunha aldea como é o meu caso, eu creo que non houbo ningún misterio nas letras das cantigas, nin dos romances, nin das historias locais, nin das coplas. Para Dorothé si, porque ao principio tiña un coñecemento un pouco limitado do galego. Algunha vez hai unha palabra que necesita esclarecerse porque é unha forma dialectal pouco coñecida, pero creo que non houbo ningunha palabra que se non resistise á interpretación.

Quizá é máis difícil hoxe para as xeracións máis novas, que non teñen certas claves do mundo da aldea.

Iso é verdade. Digamos que o cancioneiro popular estaba moi vinculado á vida rural, e á vida mariñeira, pero sobre todo á rural. É como unha especie de espello do que era a vida rural de antes dos anos sesenta. Dos sesenta para aquí houbo unha transformación económica e social enorme do campo e desapareceron moitísimas cousas. Transformouse todo: agora xa non hai nin carros nin hai arados e practicamente non hai aixadas ou fouciños. Todo se fai con máquinas. Mesmo o tipo de cultivos foi desaparecendo. 

Moitas das cantigas fan referencia á vida dos campesiños daquela época. Seguramente hoxe hai rapaces que nunca viron algún instrumento que se menciona nas cantigas. Había que explorar agora a maneira de facer un novo cancioneiro urbano, que se está facendo en parte tamén. Os músicos de agora están facendo cantigas novas, con temática máis urbana e que chegamáis á xente nova. Pero, en calquera caso, todo aquel tesouro do noso cantigueiro popular vinculado coa cultura agraria do país está recollido e gardado en libros e en arquivos sonoros para que o queira explotar.

"Di o noso presidente que a Academia pon o santo e que despois o pobo fai a festa; e neste caso, eu creo que a festa é rachada"

Cre que se lle deu a importancia suficiente, antes deste ano das Letras, a todo o que significa a nivel de patrimonio cultural o cancioneiro?

Eu creo que, a medida que ía esmorecendo, foron aparecendo tamén persoas interesadas na súa preservación. Na década dos sesenta empezaron a aparecer grupos que recuperaron esas cantigas populares, que as incorporaron ao seu repertorio e que as interpretaban diante do público nun escenario. No ano 72 apareceron Fuxan os ventos, no 78 apareceu Xacarandaina, no 79 Milladoiro, no 80 Na Lúa, no 83 Os Cempés, no 84 A Quenlla e Mercedes Peón, no 85 Luar na Lubre, no 87 Xabier Díaz. É unha cousa que xa vén de vello ata chegar ás Tanxugueiras. E despois delas xa apareceron moitas máis. Está habendo unha especie de rexurdimento da música popular espectacular, pero non é só deste ano.

Sorprendeulle o consenso acadado na Academia para homenaxear a poesía se conseguir o consenso?

Houbo bastante consenso. Eu ía un pouco preocupado, non por nada, senón porque segundo os estatutos, para nomear o persoeiro das Letras Galegas, ten que ser un señor ou unha señora que teñan unha obra literaria en galego. Estas mulleres non teñen obra literaria en galego, foron transmisoras. É máis, é probable que algunhas delas nin soubesen ler. Desde logo, eran ágrafas. Escribirían cartas, como moito. Pero é un capítulo moi importante da nosa literatura e había que reivindicalo. Pola repercusión popular que tivo, parece que a Academia acertou neste ano. Di o noso presidente que a Academia pon o santo e que despois o pobo fai a festa; e neste caso, eu creo que a festa é rachada: publicáronse bastantes libros e está habendo actos a montón por todo o país.

Dorothé Schubarth, Elisa e Delfina en Añobres, Moraime (Muxía) cara a 1979 © Colección de Antón Santamarina

"Non hai outro folclore en toda España, á parte do Andaluz, equiparable ao galego en canto a riqueza e variedade"

O entusiasmo é evidente, pero ademais hai un forte orgullo acompañando á celebración, non si?

Eu vexo que si. Mira que levo asistindo á celebración das Letras Galegas desde o ano 1963 e creo que non houbo un ano que tivera unha repercusión popular tan importante como este, unha resposta tan entusiasta coma esta. De feito, todo o material do cancioneiro, Dorothé deixouno no Arquivo do patrimonio oral da identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego e máis xente deixou alí materiais sonoros. Pois cada vez aparecen máis rapaces, rapazas ou grupos que acoden ao APOI a buscar melodías para despois incorporalas ao seu repertorio. O dúo Caamaño & Ameixeiras é un, pero hai moitos que indican que collen cantigas do arquivo. Entre outras razóns porque o cantigueiro noso ten a vantaxe de que non só ten as letras e as transicións musicais das melodías, senón tamén os audios. Podes escoitar como cantaba unha señora de Malpica ou un señor dos Ancares; ou o meu pai, o meu tío Enrique ou o meu tío Jesús.

Hai moitísima xente por aí que ten moito entusiasmo pola música popular galega. E non é estraño, ademais, porque quizais non hai outro folclore en toda España, á parte do Andaluz, equiparable ao galego en canto a riqueza e variedade. Un síntoma interesante é que non só se toca aquí. Por exemplo, o fenómeno Carlos Núñez é extraordinario, que toca en escenarios desde o Xapón ata Buenos Aires ou California. Isto provocou que moita xente de fóra nos coñeza.

"Gustaríame que toda esta música tradicional tivera un pouco máis de presenza nos conservatorios de Galicia. Iso acabaría por consagrala dunha maneira bastante máis definitiva"

Cre que xa valoramos a nosa música tradicional?

Creo que se empezou a valorar a música galega xa no século XIX. Comezaron a fundarse corais, o orfeón coruñés e despois o pontevedrés e o lucense. E houbo moitas agrupacións folclóricas ao longo de todo o século XX. Digamos que a partir dos anos 70 houbo un boom espectacular de música popular. Ademais, enche auditorios grandísimos: As Tanxugueiras enchen o Coliseum cando van á Coruña. Eu supoño que sigue habendo xente aínda que ten ese complexo de inferioridade. Houbo algúns escritores como Cuevillas, que se queixaba de que os galegos tiñamos unha enfermidade, que era a de ter pouca estima polas nosas cousas, pero creo que iso está cambiando e xa cambiou desde hai moito tempo.

Como observador privilexiado, pensaba que chegaría este momento no que o cancioneiro popular ía volver ser popular?

Non sei que che diga. Cando era rapaz, era moi cativo todo o que había. Eu tiña entusiasmo desde aquela e cando vin para Santiago anoteime a Cantigas e agarimos, pero eran moi poucos. Tardou bastante en espertar esta conciencia de ter estima polo noso cantigueiro, pero desde os anos 70 o rexurdimento do noso folclore non parou de medrar.

Hai algunha iniciativa que lle gustaría ver rematada ou que se levara a cabo arredor da nosa poesía e música tradicional?

Gustaríame que toda esta música tradicional tivera un pouco máis de presenza nos conservatorios de Galicia. Iso acabaría por consagrala dunha maneira bastante máis definitiva. Conste que xa hai algúns conservatorios onde se estuda unha disciplina sobre a música tradicional galega, pero debía estar presente en todos. Tamén debera ter máis presenza nas escolas. Outra cousa que me gustaría é que tivera máis presenza nas tabernas, había que fomentar que a xente cante tamén na taberna, sacar a música tradicional un pouco dos escenarios e que estea na rúa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.
OSZAR »