Muller, española, 46 anos e con menores ao cargo: o perfil da perceptora do Ingreso Mínimo Vital en Galicia

Evolución do número de persoas beneficiarias do IMV en Galicia ©

Cinco anos despois da súa posta en marcha, perciben as axudas englobadas na denominación de Ingreso Mínimo Vital en Galicia 32.227 fogares, cun total de 87.173 beneficiarios e beneficiarias

Neste mes de maio que vén de rematar fixo cinco anos da creación por parte do Goberno do Estado do Ingreso Mínimo Vital (IMV), unha prestación que nacía para abranguer a máis poboación da que nese momento recibía as rendas mínimas existentes, como a Risga galega, e que entre outras mellores era compatible con rendas xeradas por traballos esporádicos. Cinco anos despois, en efecto, perciben o Ingreso Mínimo Vital en Galicia moitas máis persoas das que anteriormente accedían á Risga. Porén, neste tempo a prestación recibiu numerosas críticas e sentenzas xudiciais adversas polas súas eivas de funcionamento, por exemplo no referido aos obstáculos que seguen a sufrir familias monoparentais.

Quen cobra o Ingreso Mínimo Vital? A canta xente chega en Galicia? Chega a todas as persoas que a necesitan por atoparse en situación de pobreza? Comecemos polos datos xerais. Nestes momentos perciben as axudas englobadas na denominación de Ingreso Mínimo Vital en Galicia 32.227 fogares, cun total de 87.173 beneficiarios e beneficiarias. 

A cifra de beneficiarias non deixou de medrar dende a súa posta en marcha e é moi superior á cifra máxima de beneficiarios da RISGA (10.761 en 2016)

Cómpre indicar, en primeiro lugar, que a cifra de beneficiarias non deixou de medrar dende a súa posta en marcha. Das algo menos de 24 mil beneficiarias iniciais no ano 2020, pasouse a 52 mil en 2022, 72 mil en 2024 e 87 mil en abril deste ano, o último mes con cifras actualizadas por parte do Ministerio de Inclusión. 

O número de persoas beneficiarias é moi superior ao das que seguen recibindo a Risga (5.600 no último dato ofrecido pola Xunta, correspondente ao ano 2023) e moi superior igualmente á cifra máxima de beneficiarios da Renda de Integración Social de Galicia (10.761 en 2016).

Do total de persoas beneficiarias, unhas 38 mil só perciben o CAPI, mentres que unhas 49 mil reciben realmente o Ingreso Mínimo Vital

Con todo, cómpre ter en conta que, como revelou Civio o mes pasado, os datos de titulares e beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital que ofrece o Ministerio inclúen tamén unha parte de persoas que, en realidade, non perciben o IMV, senón unha axuda á infancia, herdeira da antigua prestación por fillos ao cargo que, ademais, ten unha contía económica reducida e requisito menos esixentes.

En concreto en Galicia, das 32.227 prestacións achegadas, un terzo (10.587) corresponden exclusivamente a persoas que reciben este Complemento de Axuda para a Infancia (CAPI). Do resto, outro terzo só percibe o IMV (11.910) e outras 9.730 reciben as dúas axudas. Polo tanto, as persoas estritamente titulares do IMV en Galicia son en realidade algo menos de 22 mil.

O matiz é importante, xa que a contía media percibida polas persoas que reciben exclusivamente o CAPI é duns 112 euros mensuais, mentres que o Ingreso Mínimo Vital supón un ingreso medio de 567 euros mensuais

Do número de persoas beneficiarias, unhas 38 mil só perciben o CAPI, mentres que unhas 49 mil reciben realmente o Ingreso Mínimo Vital. Trátase, en todo, caso dunha cifra moi superior á cobertura que nunca chegou a acadar a RISGA, pero lonxe do número de 87 mil beneficiarios.

O matiz é importante, xa que a contía media percibida polas persoas que reciben exclusivamente o CAPI é duns 112 euros mensuais, mentres que o Ingreso Mínimo Vital supón un ingreso medio de 567 euros mensuais. As persoas que reciben as dúas axudas obteñen, de media, 843 euros mensuais.

O IMV chega ao 22,7% da poboación en situación de pobreza en Galicia, unha taxa de cobertura semellante á media do Estado, aínda que lonxe dos datos de País Vasco. En todo caso, a porcentaxe medrou notablemente no último ano (dende o 13,8%)

En que medida a actual cobertura de algo máis de 87 mil persoas, unhas 32 mil familias, é suficiente? Abrangue iso o groso da pobación en situación de pobreza en Galicia? Hai que dicir que non, aínda que a situación vai mellorando nos últimos anos, tanto polo descenso da pobreza (en 2024 baixou ao 14,2% da poboación) coma polo aumento do número de persoas beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital.

Neste momento, o IMV chega ao 22,7% da poboación en situación de pobreza en Galicia, unha taxa de cobertura semellante á media do Estado (22,9%), aínda que lonxe dos datos de País Vasco, Estremadura ou Andalucía. En todo caso, a cobertura é moi superior á que se rexistraba o ano pasado, cando o IMV abranguía unicamente o 13,8% da poboación pobre en Galicia.

Quen cobra o Ingreso Mínimo Vital en Galicia? A maioría das titulares son mulleres, de nacionalidade española e ao redor dos 46 anos de idade

Quen cobra o Ingreso Mínimo Vital en Galicia? Desas 32.227 persoas titulares da axuda, as mulleres son clara maioría (19.172 fronte a 7.915 homes). Ademais, a inmensa maioría das persoas que perciben o IMV teñen nacionalidade española (28.503) e só 3.718 son estranxeiras.

A idade máis habitual das persoas titulares sitúase entre 36 e 45 anos, aínda que as persoas entre 45 e 54 anos representan case un terzo dos titulares. A idade media sitúase nos 46 anos.

Dos 32 mil fogares que perciben as axudas, en máis de 20 mil hai nenos e nenas, que suman 33.214 beneficiarios e beneficiarias

Unha parte significativa das familias que perciben estas axudas teñen menores ao seu cargo. De feito, todas as estatísticas veñen apuntando que os fogares con menores son os máis expostos á pobreza en Galicia e que a infancia e a mocidade sofre situacións de pobreza con moita máis frecuencia que os grupos de idade máis avanzada.

Así, dos 32 mil fogares que perciben as axudas, en máis de 20 mil hai nenos e nenas, que suman 33.214 beneficiarios e beneficiarias. Entre os titulares hai 6.452 familias monoparentais (na súa inmensa maioría sostidas pola nai), que están entre as que máis obstáculos están a atopar para o cobro do Ingreso Mínimo Vital, e outros 13.692 fogares con menores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.
OSZAR »